Bará ve no resultado do BNG a constatación dun "cambio de ciclo político" e en Ana Pontón "a líder do futuro deste país"

Pontevedra
13 de xullo 2020

O candidato por Pontevedra atribúe os 19 deputados a que a que lograron "Pontonizar a campaña", que virase ao redor da figura da líder nacionalista e chegar a votantes de todos os espectros ideolóxicos e idades polo seu proxecto "ilusionante", a súa campaña " sempre en positivo" e o "magnetismo" da súa candidata

Luís Bará valora o resultado das eleccións autonómicas
Luís Bará valora o resultado das eleccións autonómicas

O resultado do BNG nas eleccións autonómicas deste domingo non cumpre co reto que se marcou de que Ana Pontón fose a primeira muller e a primeira nacionalista en presidir a Xunta de Galicia, pero si lles permitiu ser segunda forza e un resultado histórico de 19 deputados que o cabeza de cartel por Pontevedra, Luís Bará, considera satisfactorio. 

Atribúeo, en gran medida a que se cadra non conseguirían ‘Pontonizar’ Galicia, como tiñan en mente, pero si "Pontonizar a campaña", que virase ao redor da figura da líder nacionalista e chegar a votantes de todos os espectros ideolóxicos e idades polo seu proxecto "ilusionante" e pola súa candidata. 

Pontón ten "un tirón e un magnetismo que hai tempo que non se vía no panorama político estatal", sostivo Bará nun balance do resultado electoral, convencido de que a súa xefa de filas transmite "confianza" e puxo en marcha un "proceso imparable" de cambio político e social en Galicia. 

Pontón ten "un tirón e un magnetismo que hai tempo que non se vía no panorama político estatal"

A gran subida de apoios do BNG ten a súa orixe, segundo Bará, no traballo do últimos catro anos no Parlamento, "con seriedade, con rigor e de equipo", pola gran implantación o o territorio e nas institucións (con gobernos que son referencia como Pontevedra cidade) e polo proxecto "ilusionante" encabezado por Ana Pontón, que fixo unha campaña "sempre en positivo", atractiva e moderna que logrou concentrar o voto da xente que "quería un cambio" e que antes se concentraba noutras forzas agora desaparecidas. 

"Ana Pontón foi quen de atraer na campaña ese voto, con ese liderado que ten, atractivo, magnético, que fai que chegue a públicos moi amplos, tanto nacionalistas como a moitas persoas que non son nacionalistas", destacou Bara, que cre que co resultado deste domingo confirmouse, por se non estaba claro, que "Ana Pontón é a lider do futuro deste país" que vai ser presidenta do goberno galego. 

Luís Bará trasladou o seu agradecemento ás 310.137 persoas en toda Galicia que lle deron o seu apoio ao BNG, 190.691 máis que fai catro anos, nun incremento de votos "asombroso, extraordinario, polo menos para o BNG". Agradeceu de forma especial os 111.405 sufraxios logrados na provincia de Pontevedra, cuxa candidatura lideraba. "Cada un destes votos é unha poderosa razón para traballar cada día máis e cada vez mellor para cumprir as expectativas e tamén a confianza depositada", asegurou. 

O resultado electoral é "unha alta responsabilidade de estar á altura" da nova situación, marcada pola crise do coronavirus, para ter unha oposición esixente e crítica co Goberno de maioría do PP, pero tamén con propostas e alternativas, como a que xa ofreceu Ana Pontón na noite electoral dun acordo de país para a reconstrución post Covid-19.

Bará valorou que houbo un cambio moi importante no panorama político galego, no que recoñece a vitoria do PP, que "non ten ningunha discusión", a pesar de ter unha pequena baixada de votos, pero cre que a gran novidade é que o BNG se "consolida" como "alternativa de goberno e de futuro" ao Partido Popular e que se clarificou o panorama político galego, coa desaparición das ‘mareas’ e tan só tres forzas no Parlamento.

O BNG gaña proxección no panorama político estatal, "convertendo a Galiza nun actor político de primeiro nivel"

Destaca que o seu partido ten un proxecto "sólido" e "solvente" e un liderado na figura de Ana Pontón non só moi "consolidado" senón con "grande atractivo, proxección, ilusión e futuro". O BNG consolídase, segundo o seu interprentación, polos seus resultados e pola figura de Ana Pontón e ademais de liderar a oposición en Galicia, gaña proxección no panorama político estatal, "convertendo a Galiza nun actor político de primeiro nivel". 

Respecto diso, sostén que en Galicia chega un "cambio de ciclo politico" máis aló do resultado electoral, cun cambio social e " unha nova Galicia que está en marcha que está representada polo BNG". "O BNG empeza a andaina para ou ano 2024, o mellor está por vir para ou BNG e para Galicia", sostivo, para engadir que "non hai un liderado político non panorama político galego que lle poida disputar ao PP a hexemonía como o de Ana Pontón", que ten 42 anos, moita experiencia, "magnetismo" e capacidade de chegar a moita xente que a sitúan na "plataforma de lanzamento" para chegar a saltar á Presidencia da Xunta dentro de 4 anos.

En clave local, os novos retos seguen sendo os mesmos que nos últimos anos de Goberno de Feijóo, pois levan "once anos batendo en ferro frío" á hora de pedir a dragaxe da Ría, a variante de Alba, a variante de O Vao ou a mellora da PO-308 e, sobre todo, un tema que agora está aínda máis no foco, o sanitario, cun proxecto de ampliación de Montecelo afectado por recortes e unha atención primaria en proceso de "deterioración". 

O reelixido deputado nacionalista tamén destacou que en Pontevedra foi a provincia na que o PP tivo os peores resultados, cun 42,38% dos votos fronte á media autonómica do 47,98, e que neste resultado foi clave a figura do BNG en toda a provincia e, sobre todo, en zonas como a área de Vigo, O Morrazo, Baixo Miño e a comarca de Pontevedra. O resultado do seu partido en Pontevedra foi "excelente", cun 24,70% dos votos, e en especial en concellos como Soutomaior ou O Grove.