A construción do estadio de Pasarón é un tema "que está zanxado", dicía non hai moito o concelleiro César Mosquera. Pero non impide que o BNG volva botar man dos seus sobrecustos para criticar ao presidente da Deputación, Rafael Louzán. Todo polas recentes críticas ao estado do aparcamento disuario situado ante a grada de Tribuna. "Que se dedique a arranxar Pasarón, que do resto xa nos encargamos, afirmou Luís Bará.
Cansado das críticas sobre o estado desta parcela, convertida nunha "lameira", segundo o Partido Popular, debido ás fortes choivas das últimas semanas, o concelleiro nacionalista asegurou que "o maior lodo que hai aí é a construción do estadio". Bará recomendou a Louzán que "o que menos debería facer é falar de Pasarón", xa que entende que os seus sobrecustos convertérono nun "buraco negro".
Pasarón é, segundo Luís Bará, "o maior fiasco da obra pública" da historia da cidade de Pontevedra "xunto co Museo de Pontevedra, tamén da Deputación", recordou. Malia todo iso, o edil do BNG recomendoulle que "o que debe facer é acabar a obra" e entregar, dunha vez por todas, o local social comprometido para os veciños do barrio do Burgo na primeira planta do estadio.
Todas estas críticas de Rafael Louzán ao goberno municipal débense, sinalou Bará, a que padece un "trastorno político bipolar", xa que ademais de exercer como presidente da Deputación "actúa como concelleiro furriel, indo de recadeiro dun lado a outro". Esta actitude desvela, dixo, a súa "desconfianza" cara o portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, "ata o punto que atrasa o congreso local para gañar tempo a ver se aparece algo".
OBRAS EN PASARON
Con respecto ao estado en si do aparcamento, Luís Bará adiantou que se van a executar obras de mellora para corrixir as deficiencias detectadas, vinculadas con fallos na drenaxe de augas pluviais. Elevarase lixeiramente o terreo para darlle máis pendente e que poida desaugar mellor e renovarase todo o firme, substituíndo a superficie de xabre por unha capa de zahorra, un material máis duro que o anterior.
Tamén se levarán a cabo pequenas melloras no aparcamento disuasorio da Parda, situado en fronte do conservatorio de música, para mellorar a accesibilidade desde Juan Carlos I e evitar o arrastre de terra cara a Losada Diéguez.
En todo caso, Luís Bará afirmou que ambos aparcamentos demostraron a súa utilidade sendo utilizados de forma "intensiva" desde o primeiro día. "Estamos satisfeitos dos resultados de uso e así nolo din tamén os comerciantes e os veciños", sinalou. Tanto que, con respecto a Pasarón, o goberno municipal descarta convertelo na zona verde proxectada "ata que mellore a situación económica". En todo caso, non será "nin este ano nin seguramente o que ven".