Bará reclama á Xunta que active a protección da Xunqueira da Gandarela, en Ponte Muíños

Pontevedra
02 de febreiro 2025

No caso de Pontevedra, o BNG tamén reclama que se protexa e se recupere o humidal da Xunqueira da Gándara, afectado por recheos e actividades que desenvolven a propia Xunta e o Goberno central,

Plantan especies de ribeira na Xunqueira da Gandarela
Plantan especies de ribeira na Xunqueira da Gandarela / Comunidade de Montes de Lourizán

Con motivo do Día Internacional dos Humidais, que se celebra este domingo 2 de febreiro, o BNG iniciou unha campaña para reclamarlle á Xunta de Galicia que impulse medidas para a protección e conservación dos humidais da comarca de Pontevedra.

O deputado Luis Bará avanzou que presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para incluir a Xunqueira da Gandarela, en Ponte Muiños, no rexistro galego de humidais.

Trátase dunha zona húmida de grande interese, sostén o representante nacionalista, que recorda que esta área natural está afectada por diferentes infraestruturas e pola proliferación de especies invasoras, pero aínda conserva os seus valores naturais e unha gran variedade de fauna e flora.

No caso de Pontevedra, o BNG tamén reclama que se protexa e se recupere o humidal da Xunqueira da Gándara, afectado por recheos e actividades que desenvolven a propia Xunta e o Goberno central, que ocupan terreos no dominio público marítimo terrestre.

Os humidais, sostén Bará, teñen moita importancia na regulación do ciclo hidrolóxico e na preservación dos recursos hídricos, "un ben esencial para a natureza, para a actividade económica e para a vida humana".

A pesar deste alto valor ecolóxico, son ambientes que "sofren diversos tipos de ameazas e agresións por causa de aterros, drenaxes, construción de infraestruturas, instalacións de equipamentos, polígonos eólicos e monocultivos forestais", engade o deputado.

O BNG alerta de que os ecosistemas húmidos que sofren máis ameazas son as brañas e turbeiras das zonas montañosas, como Amil (Moraña), o Monte Castrove (Poio, Pontevedra e Meis), ou o conxunto  da Serra do Suido (A Lama, Fornelos, Covelo e Avión).

A formación nacionalista fai un chamamento á sociedade para que defenda este patrimonio e esixe ao goberno da Xunta, que "vaia máis alá de actuación cosméticas e propagandísticas" e impulse un plan de conservación, protección e rexeneración destes humidais.