Bará prevé un resultado "histórico" para o BNG nas eleccións galegas

Pontevedra
18 de xuño 2020

As expectativas, destacou o dirixente nacionalista tras una reunión co seu equipo electoral, "son máximas", polo que avanzou que o BNG vai a "intensificar e acelerar" a súa campaña para conseguir "facer historia" e situar a Ana Pontón como presidenta da Xunta

Luis Bará co seu comité de campaña
Luis Bará co seu comité de campaña / Mónica Patxot

Todas as enquisas amosan unha subida na intención de voto ao BNG de cara ás eleccións galegas do 12 de xullo. Esta tendencia, que segundo Luís Bará é "imparable", fai prever ao candidato nacionalista por Pontevedra que o resultado será "histórico" para eles.

Aínda que recoñece que as enquisas "só amosan tendencias", Bará ve na figura de Ana Pontón, como expón o estudo do CIS, como a "líder alternativa" a Alberto Núñez Feijóo.

O candidato por Pontevedra fixo un chamamento á mobilización dos galegos e indicou que para o BNG é "fundamental" a mobilización do voto urbano, do voto da mocidade e dos "descontentos" que queren un cambio político en Galicia.

"Hai unha grande corrente de apoio e simpatía ao BNG que nos pode levar a non ser segundos, senón a liderar este país para darlle un grande impulso e convertelo no país que a maioría do pobo quere", engadiu Bará.

As expectativas, destacou o dirixente nacionalista tras una reunión co seu equipo electoral, "son máximas", polo que avanzou que o BNG vai a "intensificar e acelerar" a súa campaña para conseguir "facer historia" e situar a Pontón como presidenta da Xunta.

"Sería algo beneficioso que daría unha mensaxe ao mundo do que quere ser este país", defendeu Luis Bará que, entre outros, estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O alcalde coincide en que este cambio político da Xunta daría a Pontevedra un impulso "absolutamente necesario" para seguir transformando a cidade, xa que ata o de agora "fomos quen de facer todo sen practicamente apoio doutras institución".