Bará márcase como obxectivo mobilizar 700.000 persoas indecisas para lograr que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta

O Salnés
29 de xuño 2020

Luís Bará, cabeza de lista do BNG pola provincia, destacou en Vilagarcía de Arousa que "hai partido e non está nada decidido", ademais de alerta sobre a necesidade de votar o 12 de xullo porque quedar na casa "é darlle o voto ao PP"

Luís Bará durante o mitin do BNG en Vilagarcía
Luís Bará durante o mitin do BNG en Vilagarcía / BNG

Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, e o deputado parlamentario Néstor Rego ofreceron un mitin en Vilgarcía de Arousa no que pediron o voto para a formación nacionalista que lidera Ana Pontón.

Bará sinalou que o obxectivo é mobilizar ás 700.000 persoas indecisas para lograr o cambio galego e que Pontón sexa a presidenta da Xunta. Por este motivo, destacou a importancia de acudir ás mesas electorais durante a xornada do 12 de xuño para mandar ao Partido Popular á oposición: "Hai que darlle o finiquito ao PP, confinalo na oposición, mandalo para Madrid que é onde quere estar. Hai que ter claro que hai partido, non hai nada decidido", apuntou Bará durante o seu discurso.

Afirmou que o Bloque quere facer historia nesta cita electoral e abrir o cambio en Galicia para dar esperanza e futuro ao país asegurando que o BNG está preparado para gobernar. E manifestou que a formación nacionalista quere activar e potenciar a riqueza no  agro, no mar, no monte, na enerxía, coñecemento e cultura, deixando estas áreas en mans da maioría social e non en grandes empresas madrileñas e estranxeiras.

Tamén lembrou que a aposta do BNG céntrase en fortalecer os servizos públicos de calidade na educación, na sanidade e nos servizos sociais. Afirmou que mentres o Bloque quere un banco público, o PP protexe á banca privada co rescate a Abanca con 9.000 millóns de euros e vendida por tan só mil.

Pola súa banda, Néstor Rego afirmou que hai que "rematar co PP antes de que o PP remate con todo". E apostou por un cambio de políticas sinalando que Ana Pontón non ía calar ante Madrid e reclamará o que en xustiza corresponde a Galicia.