Bará fixa como eixo da súa campaña a batalla contra ENCE, "a peste do século XXI"

Pontevedra
04 de xuño 2016

"Vai ser unha parte fundamental nesta campaña electoral e tamén do noso traballo político e institucional en Madrid", sinalou o candidato do BNG ao Congreo por Pontevedra, Luís Bará, coincidindo coa celebración este sábado da marcha de protesta contra Ence e o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este domingo

Rolda de prensa de César Mosquera e Luís Bará na sede do BNG
Rolda de prensa de César Mosquera e Luís Bará na sede do BNG / PontevedraViva

"Ence pode ser visto como a peste do século XXI". Con estas contundentes palabras o candidato do BNG ao Congreso por Pontevedra, Luís Bará, explicou que a loita contra a prórroga concedida á pasteira "vai ser unha parte fundamental nesta campaña electoral e tamén do noso traballo político e institucional en Madrid".

Bará realizou estas declaracións coincidindo coa celebración este sábado da marcha de protesta contra Ence e co Día Mundial do Medio Ambiente de fondo, que se conmemora este domingo.

Para o candidato nacionalista Ence pode ser visto como unha "peste" polo "impacto que ten na contorna de Pontevedra, tamén porque é unha lousa para a plena recuperación e desenvolmento do potencial enorme que ten a ría", sinalou.

Ademais, argumentou, "tamén impide un desenvolvemento autónomo do noso monte e do sector forestal".

"Estámonos xogando o futuro de Pontevedra, a súa ría e do País", concluíu Bará lembrando que "imos utilizar todos os medios ao noso alcance para impedir esta desfeita", a continuidade por 60 anos da fábrica pasteira na súa actual localización de Lourizán.

Arquivado en