Bará asegura que o BNG vai "aprender desta experiencia para traballar de cara ao futuro"

Pontevedra
19 de febreiro 2024

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, fai "unha valoración moi positiva do que foi esta campaña" que, segundo resumiu, estivo "chea de emoción, de traballo e de ganas" contando cunha "grande mobilización" que permitiu ao BNG "obter o resultado máis alto da historia con 467.000 votos", algo que cualifica como "absolutamente espectacular"  

Luís Bará, cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra
Luís Bará, cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra / Mónica Patxot

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, fai "unha valoración moi positiva do que foi esta campaña" que, segundo resumiu, estivo "chea de emoción, de traballo e de ganas" contando cunha "gran mobilización" que permitiu ao BNG "obter o resultado máis alto da historia con 467.000 votos", algo que cualifica como "absolutamente espectacular".

Luís Bará non ocultou que no Bloque "hai unha decepción por non conseguir o obxectivo principal desta campaña, que era desbancar o Partido Popular e conseguir o Goberno da Xunta".

No tocante á provincia de Pontevedra, Bará fixo "unha valoración especialmente positiva" ao obter "o mellor resultado de toda Galicia", con máis de 34% dos votos, o que fixo que na maior parte das comarcas o BNG tivese "un resultado tamén histórico".

"Cos resultados desta provincia, desde logo o Partido Popular non gobernaba", afirmou Bará.

O cabeza de lista do Bloque en Pontevedra considera que destas eleccións "hai unha lección de como facer un traballo construtivo, positivo, para ter unha alternativa moi forte e sólida que lle dispute a hexemonía ao Partido Popular" polo que asegura que "imos aprender desta experiencia para traballar de cara ao futuro, para merecer máis apoio, máis confianza dos galegos e das galegas".

A partir de agora, o BNG "co aval e a confianza de 467.000 persoas" ten unha "enorme responsabilidade" para "responder a todas as expectativas creadas e non defraudar toda esa ilusión que se concentrou na papeleta do BNG".

Nese sentido, Bará comprometeu o esforzo dos nacionalistas para "traballar a partir de hoxe todos os días con máis intensidade, máis e mellor, para conseguir incrementar esta representación que tivemos" e que o BNG "sexa merecedor da máxima confianza e poder ter o goberno dentro de 4 anos".

"A evolución do BNG nestes últimos 8 anos é absolutamente espectacular. Eu creo que é un caso digno de estudo", destacou Bará. 

Despois deste domingo 18 de febreiro o Bloque ten "moitos deberes", e "moitos temas que sacamos en campaña" que son "débedas pendentes" polos que os nacionalistas darán "a batalla" no Parlamento Galego "para que se cumpran todos eses compromisos".

No caso concreto de Pontevedra cita asuntos como a dotación de chan empresarial "unha necesidade urxente" ou a dragaxe da ría, a mellora da rede viaria e de mobilidade "con moitos proxectos que están desde hai moito tempo pendentes", e "por suposto a defensa, firme e contundente, dos servizos públicos, empezando pola sanidade pública, pola educación e polos coidados".

Así anunciou que "imos defender por diante de todo esa necesidade de fortalecer os servizos públicos" algo no que o BNG "vai facer unha oposición contundente fronte ás privatizacións e os recortes do Partido Popular".

Arquivado en