'Fai da loita a túa bandeira' é o lema co que este ano a Asociación Española contra o Cancro de Marín desenvolverá a súa petición de fondos entre a cidadanía durante a mañá deste xoves 7 de xullo. O colectivo tamén utilizará nas redes sociais o cancelo #BanderaContraelCáncer para promover esta acción.
A organización quere recadar fondos para a investigación do cancro e tamén para intervencións de apoio a pacientes e familiares a través de servizos e programas gratuítos que ofrece a asociación. Está prevista a instalación de mesas petitorias na Alameda Rosalía de Castro; no Centro de Saúde; en Concepción Arenal e na contorna do supermercado Froiz en Lameiriña, entre as 10.00 e as 13.30 horas.
Durante o ano 2021, a AECC de Marín realizaba 453 intervencións de colaboración con pacientes con cancro e familiares da vila. 47 destas intervencións foron de atención social con accións de inserción laboral, programa de alimentos, préstamo de material ortoprotésico ou axudas económicas, entre outras.
303 intervencións foron de carácter psicolóxico a pacientes oncolóxicos e familiares. Ademais realizáronse 54 accións de voluntariado e 49 do servizo de Logopedia destinado a persoas con cancro de cabeza e/o pescozo.
A sede da AECC de Marín atópase na Rúa Busto de Abaixo e atende os martes de 10.00 a 11.00 horas e os mércores, de 09.00 a 13.30 horas. Aquelas persoas que queiran contactar coa asociación poden utilizar, durante as 24 horas, o número gratuíto 900 100 036.