A situación sanitaria obrigaba en marzo do ano pasado a cancelar as recollidas de alimentos a través da tradicional Operación Quilo, onde grupos de voluntarios encargábanse de recoller as doazóns de alimentos que realizaban as persoas que se achegaban aos supermercados para facer as súas compras. No seu lugar, o Banco de Alimentos habilitou unha recollida solidaria en liña.
Despois de máis un ano, este venres 28 e o sábado 29 de maio volve a Operación Quilo presencial. A recollida de produtos básicos levarase a cabo grazas á campaña #mayosolidario, impulsada por Gadis en supermercados de toda Galicia. En concreto, na cidade de Pontevedra haberá 50 voluntarios repartidos en varios establecementos Gadis e 12 en Marín.
A iniciativa ofrece a posibilidade de entregar alimentos físicos aos voluntarios da ONG presentes na superficie comercial, ao mesmo tempo que realizar doazóns virtuais ao pasar por caixa.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos agradece a resposta obtida por parte dos voluntarios participantes nesta primeira Operación Quilo, aos que garante todas as medidas de seguridade e hixiene nos actuais tempos de pandemia.
INTENSA ACTIVIDADE DURANTE A PANDEMIA
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu durante 2020 un total de 330.914 quilos de comida en Pontevedra e a súa comarca, unha cifra que forma parte dos máis de 2 millóns de quilos de alimentos entregados en toda a provincia. Trátase de case 100.000 quilos de alimentos máis con respecto ao ano 2019 cando desde da delegación pontevedresa se distribuíron 252.307 quilos de produtos entre as 40 ONG que traballan en Poio, Marín, Pontecaldelas, Caldas de Reis, Sanxenxo, Vilagarcía, Cambados, Arcade ou Lalín, entre outras localidades.
Banco de Alimentos informa de que a covid-19 incrementou substancialmente a súa actividade a partir de marzo de 2020. De tal modo que se o ano comezaba cunhas 20.000 persoas sen recursos atendidas, o avance da crise sanitaria incrementou en ao redor dun 25 por cento o número de beneficiarios sen recursos na provincia de Pontevedra.