A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo alerta de que o Centro de Saúde de Baltar queda sen pediatra, tras coñecer o traslado a Marín da pediatra que actualmente se atopaba de baixa no centro do municipio de Sanxenxo.
Desde o colectivo sinalan que ao longo dos últimos días coñeceron que o centro quedaba "definitivamente" sen especialistas en Pediatría despois de que unha das doutoras fora trasladada para atender a zona de Meaño e Meis; unha segunda se xubilara e a terceira profesional desta área recibira a aprobación dunha comisión de servizos co seu traslado ao municipio de Marín.
SOS Sanidade Pública denuncia que, desde hai meses, en Baltar permanecen sen servizo de pediatría para atender os menores e que a situación está previsto que se prolongue indefinidamente. Sinalan que toda a zona do Grove, Sanxenxo e parte de Poio está a verse afectada por esta decisión. En caso de urxencia, os residentes neste ámbito deberán acudir directamente ao Hospital Provincial de Pontevedra sen opción a que atendan os menores nos centros de saúde por persoal especializado, agás naqueles casos nos que aparece un pediatra nun centro de saúde "unha ou dúas veces por semana", denuncian.
Lembran, ademais, que as axendas se atopan pechadas nos dous centros de saúde de Sanxenxo debido aos facultativos e enfermeiras que permanecen de baixa. "Fai que sexa practicamente unha odisea que che atendan", indica Ana Belén Fernández Camiña, portavoz da Plataforma que afirma que neste mesmo luns unha paciente chamou ao centro de saúde por "un problema respiratorio grave e foi derivada a Montecelo aconsellándolle que a trasladase alguén da súa contorna porque a ambulancia ía tardar en chegar".
Ante esta situación, SOS Sanidade Pública Sanxenxo continuará recollendo sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular que traslade estes problemas na Atención Primaria ao Parlamento de Galicia. O mércores 30 de novembro solicitarán firmas en Baltar, de 08.30 a 11.00 horas. Entre as 12.30 e as 14.00 horas trasladaranse a Vilalonga e pola tarde, entre as 16.00 e as 18.00 horas no parque Espiñeiro, sempre que non chova.