Balizan as inmediacións da praia da illa de Tambo para garantir a seguridade

Poio
23 de agosto 2022

A contorna da illa de Tambo, fundamentalmente as inmediacións da praia coñecida como Area da Illa, xa está balizada. Trátase dunha medida que busca manter a distancia pertinente entre o areal e as embarcacións que optan por fondear na proximidade deste enclave

Balizamento na illa de Tambo
Balizamento na illa de Tambo / Concello de Poio

A contorna da illa de Tambo, fundamentalmente as inmediacións da praia coñecida como Area da Illa, xa está balizada. Trátase dunha medida que busca manter a distancia pertinente entre o areal e as embarcacións que optan por fondear na proximidade deste enclave.

Esta actuación, que impulsou o Concello de Poio a través dunha empresa especializada, contou cos permisos pertinentes por parte da Capitanía Marítima e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Desde mediados de agosto xa se poden solicitar por parte da cidadanía as reservas para visitar Tambo, a través de excursións guiadas.

O Concello recalca que a día de hoxe só se pode acceder ao enclave a través das navieiras con base en Combarro que cobren o traxecto.

As solicitudes poden tramitarse a través da páxina web do Concello (www.concellopoio.gal) e da de Turismo (www.turismodepoio.gal).

As visitas abertas á veciñanza en xeral poden realizarse os venres, sábados e domingos, ademais de festivos, en horario de mañá. Tamén se habilitou a opción de solicitar a realización de excursións guiadas para colectivos e asociacións.

Estas visitas teñen unha duración que oscila entre as dúas horas e media e as tres horas, tempo no que os participantes teñen ocasión de coñecer algúns dos enclaves de referencia de Tambo, como as ruínas do lazareto, da capela de San Miguel, o antigo polvorín ou as dependencias militares abandonadas, así como a Pedra Taffoni.

Desde o Concello recordan que seguen a traballar para acadar a definición de Tambo como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e no Plan de Usos, dous documentos "indispensables" para a recuperación de Tambo e para permitir no futuro visitas menos restritivas.

Ademais, se están a realizar traballos de limpeza, roza e mantemento de xeito periódico, para garantir as boas condicións e os accesos nas zonas polas que transcorre a senda delimitada que percorren os visitantes.

Os traballos inclúen, asemade, a instalación de valado para protexer o sistema de dunas e preservar as especies protexidas.

Arquivado en