Balcóns e fiestras da cidade convértense en espazos de agradecemento e reivindicativos

Pontevedra
22 de marzo 2020

Unha boa parte da cidadanía está a empregar este modelo de comunicación para expresar publicamente as súas sensacións en relación con este estado de alarma e co espallamento do coronavirus. Principalmente destaca o recoñecemento aos profesionais sanitarios e ao persoal dos supermercados

Pancartas instaladas en balcóns e fiestras de Pontevedra
Pancartas instaladas en balcóns e fiestras de Pontevedra / PontevedraViva

Os balcóns, as terrazas e as xanelas convertéronse durante estes días de illamento en auténticos espazos de exposición onde as persoas residentes utilizan pancartas para manifestar os seus diferentes sentimentos #ante esta situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus.

Desta forma, destacan principalmente as mostras de agarimo e de apoio aos profesionais sanitarios e ao colectivo de limpadoras por todo o traballo que están a desenvolver durante estas últimas semanas. Nestes casos, tamén hai carteis reivindicando a sanidade pública e criticando os recortes.

Outro sector moi apoiado nestas manifestacións públicas atópase no persoal que traballa nos supermercados e que está a realizar esforzos titánicos desde que se anunciou o estado de alarma. Mesmo no establecemento de Supermercados Froiz situado na Praza Veiga da Eira, en Campolongo, o persoal respondeu agradecendo á veciñanza os aplausos confirmando a forza que lles transmiten.

E tampouco faltan os debuxos luminosos do arco da vella infantís e mesmo os globos tentando ofrecer algo de cor para iluminar as rúas case desertas.