O Concello de Ponte Caldelas levou a cabo unha operación de acolchamento con palla e sementeira nos terreos forestais queimados tras os incendios do 15 de outubro. Esta iniciativa está comezando a dar moi bos resultados.
O Concello caldelán comezou a desenvolver este operativo ao longo do mes de novembro, grazas a campaña municipal de voluntariado que involucrou a centos de persoas. Un total de 200 cidadáns de diversas partes de Galicia achegáronse a traballar cos veciños de Ponte Caldelas, nas catro xornadas nas que se levou a cabo esta tarefa de mulching e sementeira, nas que un total de 30 toneladas de palla e unha tonelada de graos de centeo foron esparexidos.
Grazas a este operativo, logrouse protexer as 30 hectáreas máis sensibles das aproximadamente 2.900 que arderon en Ponte Caldelas, e catro meses despois dos lumes os resultados desta iniciativa comezan a ser visibles, cunha gran diferenza entre as zonas acolchadas e o resto do monte.
As zonas prioritarias foron as que se atopaban en pendente, próximas aos mananciais das traídas de augas veciñais.
O traslado gratuito das pacas de palla ata o monte foi posible grazas á implicación das comunidades de montes do municipio.
O alcalde, Andrés Díaz, en representación do goberno local, afirma que “a aposta polo voluntariado foi un acerto, porque despois do 15 de outubro había unha grande sensibilización social, moita xente con gañas de axudar e vir a botar unha man, e Ponte Caldelas converteuse na oportunidade de facelo”.
Ademáis salienta que foron xornadas “dun intenso traballo, pero tamén dunha gran satisfación persoal, porque tivemos oportunidade de convivir con moita xente que viña de fóra e que traballou duro por botarnos unha man cando máis o necesitabamos”.
Así mesmo, o Concello de Ponte Caldelas, ensaiou actuacións consistentes na colocación de barreiras naturais, coa utilización de troncos, en zonas de forte pendente.