A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou por segundo día consecutivo un descenso de pacientes ingresados por COVID-19, segundo os datos oficiais facilitados este martes pola Consellería de Sanidade.
Segundo estas cifras 96 persoas permanecen nos centros hospitalarios da comarcapara ser atendidas por coronavirus, o que supón dous pacientes menos que o luns e tres que o domingo e o sábado. Un lixeiro descenso que se acompaña dun aumento moderado no ritmo de novos diagnosticados, pois os casos activos na área sanitaria sitúanse nos 466, isto é, 9 máis nas últimas 24 horas.
De todos eles 82 pacientes permanecen ingresados en planta entre os hospitais de Montecelo, O Salnés (8) e o QuirónSalud Miguel Domínguez (1), mentres que a cifra de atendidos na Unidade de Coidados Intensivos mantense estable en 14 afectados. O resto de casos, 370 mantéñense illados nos seus respectivos domicilios.
Ademais nas últimas horas non se produciron falecementos, mantendo o número de defuncións asociadas á pandemia en 10, e prescribíronse 3 altas hospitalarias para un total de 66 curados.
No que respecta a Galicia, o incremento de casos de COVID-19 segue moderándose, xa que segundo a Dirección Xeral de Saúde Pública na última actualización o número de afectados por coronavirus na comunidade é de 5.435 (+93), dos que 1.117 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 999 da de Ourense, 1.094 da área de Vigo, 884 da de Santiago, e 312 da de Ferrol.
Do total positivos, 162 permanecen en UCI, 910 están en unidades de hospitalización e 4.363 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 688 altas de pacientes e 208 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 32.146.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.