Baixa o número de casos activos e aumentan lixeiramente os hospitalizados con covid-19 na área

Pontevedra
14 de marzo 2022

A Consellería de Sanidade notifica este luns 14 de marzo 2.207 pacientes infectados, con 47 deles ingresados, tres enfermos na Unidade de Coidados Críticos. Os contaxios en Pontevedra e O Salnés durante a fin de semana sitúanse en 283 novos positivos. En Galicia rexistráronse dous novos falecementos con coronavirus

Datos covid-19 na área sanitaria este luns 14 de marzo de 2022
Datos covid-19 na área sanitaria este luns 14 de marzo de 2022 / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Increméntase en tres pacientes o número de persoas hospitalizadas con covid na área sanitaria, segundo os datos facilitados pola Consellería de  Sanidade este luns 14 de marzo. Nesta xornada hai 47 persoas hospitalizadas (3 máis que o sábado): 42 no Hospital Montecelo; 2 pacientes no Hospital  do Salnés e 3 enfermos na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. 

O número de casos activos, con todo, descendeu en 119 persoas respecto á cifra ofrecida o sábado. Este luns son 2.207 o número de pacientes infectados. 

Durante as últimas 24 horas rexistráronse 283 novos contaxios na área. Non se produciron novos falecementos, polo que a cifra de decesos mantense en 263 persoas desde o inicio da pandemia.

DATOS EN GALICIA

A Consellería de Sanidade si informa de dúas novas mortes de persoas con covid nas últimas horas en Galicia. En total, 3.153 mortes producíronse como consecuencia da pandemia.

O número de casos activos tamén descende na comunidade. Rexístranse este luns 19.462, 453 menos que o sábado.

Por áreas sanitarias, os casos son os seguintes: A Coruña-Cee: 4.097 (+24); Vigo: 3.366 (-221); Santiago-O Barbanza: 3.147 (-122); Ourense: 2.835 (-63); Lugo: 2.347 (-59); Pontevedra-O Salnés: 2.207 (-119); Ferrol: 1.379 (+110); e sen área sanitaria asignada: 84 (-3)

O número de hospitalizacións, en cambio, tamén ascende e sitúase en 381, 39 casos máis que o día 12. A eles hai que sumar 27 enfermos nas camas das UCI, un máis que hai 48 horas.

Nas últimas 48 horas detectáronse 2.469 positivos novos. Trátase de 753 contaxios diarios máis respecto a os notificados o sábado e 832 máis en relación ao luns da semana pasada.

A pesar destas cifras, a Consellería de Sanidade decidiu reducir a información sobre os casos de coronavirus e, a partir desta fin de semana, a información facilitarase só de luns a sábado, excluíndo festivos.