Bágoas e rosas brancas en Marín: "A verdade vai levar á Xustiza e ese día por fin poderán descansar en paz os 21"

Marín
17 de febreiro 2024

Pasaron dous anos e doe coma se o 15 de febreiro de 2022 fose onte. O segundo aniversario celebrouse entre focos e dor. As bágoas estiveron tan presentes como a roupa negra ou as mostras de agarimo e dor, en especial durante a homenaxe floral na que, un por un, se foron dicindo os nomes dos 21 falecidos 

Homenaxe polo segundo aniversario do Villa de Pitanxo
Homenaxe polo segundo aniversario do Villa de Pitanxo / Cristina Saiz

Pasaron dous anos e doe coma se o 15 de febreiro de 2022 fose onte. O naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá), no que faleceron 21 dos 24 tirpulantes, conmocionou a Galicia aquel febreiro e este sábado volveu a provocar as bágoas en Marín.

O segundo aniversario celebrouse entre focos e dor. Ao coincidir en xornada de reflexión para o 18F e congregar aos principais aspirantes á Xunta, foi centro de atención mediática, e, allea ás cámaras, a tristeza e o loito afloraron entre familiares e achegados.

As bágoas estiveron tan presentes como a roupa negra ou as mostras de agarimo e dor, en especial durante a homenaxe floral no que, un por un, fóronse dicindo os nomes dos 21 falecidos e cada persoa depositou unha rosa branca na súa honra.

Foron moitas as flores que acabaron ao pé da placa polos falecidos instalada no Paseo Antonio Blanco, pois decenas de persoas quixeron poñer a súa e lembrar a aqueles cuxa vida lles arrebatou o mar e tamén representantes políticos de PP, BNG e PSOE quixeron sumarse cos seus propios pétalos. 

A mañá foi asollada, pero en Marín moitos tremeron ao lembralo. Chegaron familias dos falecidos desde Perú e desde outras comunidades autónomas españolas e todos compartiron agarimo e tamén rabia contida polo ocorrido. 

Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, verbalizó esa rabia, ao lembrar a "os 21 que saíron e non volveron", a xente "brava" e compartir un abrazo "moi agarimoso" para todas as persoas que traballan no mar e, en especial, para os que quedaron en Canadá. 

María José de Pazo, portavoz das familias, falou en nome de todos, "desde o corazón" ao afirmar que "hai dous anos que recibimos este golpe tan grande que cambiou a nosa vida para sempre", que foron "dous anos que pasaron rápido e pasaron lento", pois tiveron que afacerse ás súas novas vidas sen os tripulantes falecidos e loitar por coñecer a verdade. 

Este segundo aniversario é "moi triste", pero, ao mesmo tempo, chegou con "un pouco de consolo" polo recente informe elaborado tras a baixada ao pecio do buque o pasado verán, un descenso ás profundidades "que tanto pedimos" e que, finalmente, demostrou que "tanto loita mereceu a pena e temos un informe pericial tanxible". 

De Pazo asegurou que seguirán loitando. "Levamos dous anos, pero coma se temos que estar 40, buscando a verdade", asegurou, convencida de que "a verdade nos vai a levar á Xustiza e ese día, por fin, poderán descansar en paz os 21". 

Cobrou protagonismo Samuel Kwesi, mariñeiro de Ghana que, xunto co capitán e o seu sobriño, sobreviviron ao naufraxio. É "unha persoa fundamental" para todas as familias e para a investigación do ocorrido. "Nesta procura da verdade un estandarte é Samuel", dixo a portavoz. 

"Es o noso faro, es a voz deles, sempre o fuches e sabemos que sempre o serás. Poderiamos estar a aplaudir unha semana enteira", dixo María José de Pazo. Kwesi escoitouno entre o público e, durante a homenaxe floral, emocionouse e recibiu o agarimo de todas as familias. 

Como colofón a un acto celebrado de fronte ao público, as familias optaron pola intimidade para lembrar e chorar aos seus, lanzando ao mar flores nun acto íntimo e sen políticos nin cámaras.