'Bagels' con salmón e ventrecha Pescamar

Pontevedra
25 de xuño 2022

Para esta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", Pescamar propón unha receita que nos traslada aos xantares típicos de Nova York cun dos produtos máis apreciados da súa gama gourmet: a ventrecha de bonito do norte

'Bagels'
'Bagels' / Foto creada por Racool_studio - www.freepik.es

Para esta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", Conservas Pescamar propónnos unha receita que incorpora un dos produtos máis apreciados da súa gama gourmet: a ventrecha de bonito do norte.

A parte do bonito do norte máis exquisita e valorada pola alta cociña é a ventrecha. Recibe o seu nome por atoparse na zona do ventre do bonito, onde se concentran proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos saudables.

Os 'bagel' forman parte dun xantar icónico de Nova York, onde se atopan moitos locais e postos de rúa que os ofrecen. A súa orixe sitúase nas comunidades xudías de Europa do Leste que levaron a receita a Estados Unidos nas grandes migracións de finais do século XIX e principios do XX.

Consiste nun pan redondo do tamaño do bolo de hamburguesa que leva os mesmos ingredientes que un pan común de trigo pero con dúas peculiaridades. Por unha banda, o seu buraco no medio e, por outra, que antes de enfornalo se lle dá un golpe de cocción, co que se consegue que sexa denso e esponxoso no interior e crocante no exterior.

Para preparar estes deliciosos 'Bagels' con salmón e ventrecha Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes (para 6 unidades):

- 2 latas de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar

- 100 g de queixo cremoso

- 150 g de salmón afumado

- follas de alfábega

Para os 'bagels':

- 400 g de fariña de trigo

- 1 culleradiña de aceite de oliva virxe extra

- 125 ml de auga

- 125 ml de leite

- 15 g de fermento fresco

- 15 g de sal fino

- Sementes de sésamo ou papoula (opcional)

Preparación:

Nun recipiente, temperamos a auga e o leite e engadimos o fermento. Removemos ata que se disolva ben.

Nun bol, introducimos a mestura e incorporamos a fariña, o aceite e o sal. Cando os ingredientes estean fusionados, colocamos a masa nunha superficie plana e amasamos ata que quede uniforme. Dividimos a masa en 6 bólas e deixamos repousar durante 15 minutos.

Tomamos cada bóla e facemos presión no centro cos dedos índice e polgar, formando un buraco. A continuación dámoslle a forma de rosquilla estirando a masa suavemente. Deixamos repousar outros 20 minutos.

Nunha pota con auga fervendo metemos os 'bagels' durante uns segundos, retirámolos e poñémolos sobre un pano para que se sequen.

Engraxamos con aceite unha fonte para forno e colocamos os pans ben separados. Cun pincel mollado con aceite damos unha brochada a cada 'bagel' e opcionalmente colocámoslle as sementes de papoula ou de sésamo. Enfornamos durante 20 minutos a temperatura máxima, no forno prequentado a 220 graos.

Cando estean dourados, retiramos do forno e deixámolos arrefriar. Unha vez fríos, cun coitelo de serra abrimos cada 'bagel' pola metade e procedemos a enchelos.

Untamos cunha mestura do queixo cremoso e un toque do aceite da lata de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar. Colocamos unha parte de salmón afumado, outra de ventrecha Pescamar e finalmente as follas de albáfega. Pechamos os 'bagels' e listos para servir.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.