O proxecto de especialización Campus Crea organiza a I Olimpíada da Creatividade, aberta á participación de alumnado de bacharelato de toda Galicia, así como de ciclos formativos de artes plásticas e deseño.
Ata o 20 de xaneiro permanece aberta a inscrición para participar nunha competición que se desenvolverá en marzo ou abril de 2025 e na que poderán competir un máximo de 20 equipos integrados por catro estudantes.
A directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, explicou que esta proposta busca potenciar a creatividade desde os ámbitos artístico, comunicativo e educativo, que engloban as principais titulacións do campus de Pontevedra.
Nese senso, o obxectivo desta olimpíada é dar a coñecer o campus de especialización á sociedade en xeral, pero sobre todo aos estudantes de bacharelato, que son os futuros universitarios, a través dunha iniciativa que permitirá que poidan entrar en contacto con docentes e estudantes das titulacións nas que poidan estar máis interesados.
Un máximo de 20 equipos competirán na primeira fase destas olimpíadas.
Os diferentes grupos recibirán un par de obxectos comúns e, ao combinalos, deberán propor un obxecto cunha fisionomía, estrutura e función novas e orixinais, ao que deberán dar unha función creativa, tendo dúas horas para dar forma á proposta que logo exporán diante dun tribunal.
Este seleccionará os cinco equipos finalistas que competirán na segunda fase, na que recibirán, de xeito aleatorio, a proposta levada a cabo por outro grupo e terán que darlle continuidade ao proceso creativo, escollendo un eido concreto; educación, deseño, arte ou comunicación.
Neste caso, disporán dunha hora para preparar a proposta que presentarán ao xurado.
O tribunal encargarase de decidir os tres equipos gañadores, que serán premiados con agasallos como auriculares, cámaras ou altofalantes.