A Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases para regular as subvencións para a redacción de Plans de Mobilidad Sustentable (PMS) nos concellos da provincia.
O deputado responsable da área de Mobilidade, Uxío Benítez, repartirá axudas de entre 9.000 e 40.000 euros en función da poboación dos municipios que soliciten estes apoios económicos. A institución provincial investirá 300.000 euros para levar a cabo esta iniciativa e está previsto que se amplíe a partida no caso de que sexa necesario para cubrir a demanda.
O que se busca con este plan será fomentar unha mobilidade sustentable que facilite o acceso das persoas aos bens, servizos e equipamentos. Proponse a redacción destes plans como ferramenta para que se poidan tomar decisións sobre a rede de estradas e espazos públicos, de forma que se optimicen recursos e acceder aos fondos europeos que se destinan para mobilidade sustentable.
Poderán presentar solicitudes os concellos cun censo de poboación inferior aos 50.000 habitantes, individualmente ou en agrupacións que, se non hai máis remedio, situaranse nos 30.000 habitantes na súa totalidade. As axudas para concellos ou agrupacións de menos de 6.000 habitantes serán de 9.000 euros. E para os concellos de entre 6.000 e 12.000 habitantes a cantidade será de 20.000 euros mentres que para agrupacións de concellos de máis de 30.000 habitantes será de 40.000 euros.