Axuda provincial para a redacción do proxecto de humanización de Serafín Tubío e Augusto Miranda

Marín
21 de outubro 2023

Para o Concello, esa zona, que ten un gran potencial, presenta "diversos problemas", como a "existencia de moito estacionamento de vehículos, que ocupan parte do espazo público que se quere gañar para a cidadanía", xa que entenden que se trata dun entorno comercial moi transitado

Proxecto de humanización do entorno de Serafín Tubío e Augusto Miranda
Proxecto de humanización do entorno de Serafín Tubío e Augusto Miranda / Concello de Marín

O Goberno local de Marín segue traballando para mellorar o espazo urbano do municipio e facelo máis cómodo para o tránsito peonil.

Neste sentido, puxéronse mans á obra para humanizar e reordenar Augusto Miranda e Serafín Tubío, un punto estratéxico do centro de Marín que engloba o Mercado Municipal e as rúas Secundino Lorenzo e a Avenida Exército e Marina, ocupando unha superficie total sobre a que se actuará de máis de 3.350 metros cadrados.

Para o Concello, esa zona, que ten un gran potencial, presenta "diversos problemas", como a "existencia de moito estacionamento de vehículos, que ocupan parte do espazo público que se quere gañar para a cidadanía", xa que entenden que se trata dun entorno comercial moi transitado.

Polo tanto, segundo explican na memoria do proxecto, a humanización prevista "mellorará o carácter de mobilidade actual e servirá de escenario natural da vida colectiva de Marín, conseguindo un núcleo máis seguro e acolledor".

Para que poda ser unha realidade, haberá unha gran zona de plataforma única con preferencia peonil e tráfico de vehículos restrinxido a residentes, servizos e emerxencias; e renovarán a iluminación pública na fachada da Praza de Abastos e da escultura de Gago de Mendoza. Tamén teñen previsto habilitar unha nova rede de drenaxe superficial, soterrar a rede eléctrica e de telecomunicacións e instalar novo mobiliario urbano.

A redacción deste proxecto fíxose con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra para os concellos adheridos á Rede Ágora, da que Marín forma parte desde o 2020. Agora, o Concello seguirá traballando para procurar a financiación para a execución do proxecto, que ten un orzamento de licitación de 697.889,51 euros.