Máis de 5.000 euros destínanse desde o Concello de Poio a axudar ao pobo de Ucraína no conflito bélico que están a sufrir desde o 24 de febreiro coa invasión por parte das tropas rusas. Desta cifra, 4.000 euros corresponden ao Fondo Social de Emerxencia, tal e como aprobou o pleno da corporación esta semana por unanimidade de todos os grupos políticos e serán enviadas á Organización Acnur.
A esta cantidade súmaselle algo máis de 1.200 euros recadados a través dun sorteo solidario do cadro que entregou de maneira altruísta o pintor local Faustino Ucha. Este venres realizábase o sorteo nos exteriores da Casa Rosada. O número que obtivo o cadro foi o 148. A próxima semana farase entrega da obra á persoa gañadora.
Rosa Fernández, concelleira de Servizos Sociais, destacou a colaboración e implicación nesta iniciativa e agradeceu a colaboración veciñal. O tecido educativo e a Asociación de Empresarios EnPoio colaboraron para promover esta campaña solidaria.
Desde o Concello indícase que está aberto o número de conta bancario para realizar donativos que se destinarán a Ucraína a través da organización Acnur. A conta é La Caixa ES42 2100 2262 1602 0028 6870, e debe figurar o concepto ‘Ucraína – Axuda Solidaria'.
Segundo explica a concelleira esta fórmula é a máis efectiva para axudar ás persoas afectadas pola guerra e lembra que integrantes das ONG actúan no terreo e desaconsellan o envío de material ou alimentos debido ás dificultades para repartilos adecuadamente.