Axilizar a construción do colexio do Revel, prioridade para o goberno local

Sanxenxo
07 de maio 2016

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e a concelleira de Educación, Sandra Fernández, solicitaron unha reunión de traballo ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Esperan que a administración autonómica inclúa unha "ampla partida" para a súa construción nos orzamentos de 2017

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, charla co conselleiro de Educación, Román Rodríguez
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, charla co conselleiro de Educación, Román Rodríguez / Concello de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e a concelleira de Educación, Sandra Fernández Agraso, aproveitaron a visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a Pontevedra para trasladarlle a súa inquietude pola construción do novo colexio do Revel.

"A tramitación administrativa deste expediente estase a dilatar no tempo máis do que nos gustaría pero estamos xa na recta final e confiamos en que a Xunta asuma o compromiso de orzamentar o futuro colexio de Vilalonga", sinalou o alcalde.

Os responsables do goberno local de Sanxenxo solicitaron unha próxima reunión co conselleiro, na que tentar axilizar os prazos para que a Xunta poida incluír unha "ampla partida" nos seus orzamentos de 2017 destinada a este centro educativo.

Para iso o Concello debe poñer a disposición da administración autonómica os terreos para construír o colexio. A este respecto o goberno local notificou aos afectados polas expropiacións que comezarán a recibir a partir do 18 de maio as cantidades correspondentes a esta tramitación.