Axentes municipais reclaman no pleno melloras no servizo da Policía Local

Pontevedra
01 de xullo 2016

Representantes da Policía Local de Pontevedra asistiu durante 20 minutos á sesión plenaria con camisetas brancas coa intención de que o goberno local teña en conta as súas demandas para a mellora do servizo

Policías Locais en pé durante o pleno municipal de xuño en Pontevedra
Policías Locais en pé durante o pleno municipal de xuño en Pontevedra / Mónica Patxot

Ao redor de medio centenar de policías locais de Pontevedra concentrábanse antes do inicio do pleno ante as portas do Teatro Principal e, a continuación, asistían durante os primeiros vinte minutos da sesión plenaria.

Os representantes da Policía Local portaban camisetas brancas e mantivéronse durante o inicio da sesión de pé desde as butacas do Teatro Principal. Esta protesta englóbase dentro dos actos que este colectivo está a levar a cabo para demandar un mellor trato do goberno local. Durante estes días, os representantes sindicais están a negociar o convenio colectivo co concelleiro de Persoal, Vicente García Legísima.

Sinalan que, ademais de melloras económicas, precisan dun incremento de persoal e de material para poder exercer o seu traballo en boas condicións. Tamén reclaman que se acelere a valoración dos postos de traballo. Ademais, apuntan que queren tratar co goberno local algunhas das demandas que realizan os condutores como a de aumentar o tempo de estacionamento nos aparcadoiros limitados a 15 minutos, ao entender que ese período é insuficiente para realizar algunha xestión na cidade.

Alertan de que se a negociación do convenio colectivo non atende as súas demandas iniciarán protestas máis contundentes.