Aviso de peches de tráfico durante a marcha contra o cancro deste domingo

Pontevedra
08 de outubro 2024
Actualizado: 11:37

O Concello de Pontevedra inicia unha campaña de buzoneo para informar das zonas da cidade que estarán pechadas ao tráfico o vindeiro domingo 13 de outubro con motivo da 6º edición de "Pontevedra en marcha contra o cancro"

Plano indicando en cor azul as zonas que estarán pechadas ao tráfico o domingo 13 de outubro con motivo de "Pontevedra en marcha contra o cancro"
Plano indicando en cor azul as zonas que estarán pechadas ao tráfico o domingo 13 de outubro con motivo de "Pontevedra en marcha contra o cancro"

O Concello de Pontevedra inicia unha campaña de buzoneo para informar das zonas da cidade que estarán pechadas ao tráfico o vindeiro domingo 13 de outubro con motivo da 6º edición de "Pontevedra en marcha contra o cancro".

Este evento está convocado pola sede en Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro.

Trátase dunha marcha non competitiva que reunirá un gran número de participantes, correndo ou andando, con saída e chegada na Praza de España.

Este evento manterá interrompida a circulación de vehículos na mañá do domingo 13 de outubro entre as 9:30 e as 13:00 horas.

Nese horario non se poderá acceder nin saír con vehículo na zona afectada pola proba deportiva, que no plano achegado polo Concello aparece sombreada en cor azul.

Os residentes do centro histórico poderán saír por Travesía Mestre Mateo, xunto ao CITA, e rúa Prudencio Landín, na parte traseira da Subdelegación do Goberno, a partir das 11:00 horas aproximadamente, unha vez quede despexada de participantes a zona indicada.

O tramo das avenidas de Uruguai e Buenos Aires comprendido entre as pontes das Correntes e a de Santiago permanecerá pecho ao tráfico en ambos os sentidos, e o tramo entre a ponte dos Tirantes e a ponte de Santiago permanecerá pechado nese sentido durante a celebración da proba.

A circulación de vehículos entre ambas as avenidas efectuarase pola Avenida Domingo Fontán e a rúa Xoan Manuel Pintos, a que discorre por diante do Pavillón Municipal.

Prevese unha alta presenza de participantes. A primeira saída será ás 10:30 horas para os que fagan a proba correndo. Ás 10:45 será a quenda das persoas que participan andando ou en bicicleta adaptada.

PERCORRIDO

A proba consta dun percorrido, aproximadamente de 6 km, polas rúas de Pontevedra e contorna do río Lérez.

A saída será na Praza de España e continuará por Arcebispo Malvar, Galera, Avda. Uruguai, Ponte das Correntes (zona peonil), Domingo Fontán (zona peonil), Paseo Rafael Areses (zona peonil), Avda. Compostela (paseo peonil), Alexandre Bóveda (pola beirarrúa), Rafael Areses, Ponte de Santiago, Avda. Buenos Aires (polo carril de circulación até a Ponte do Burgo) e Ponte do Burgo.

Na Ponte do Burgo farase ida e volta, para continuar por Avda. Uruguai (até a glorieta con Galera e volta), Avda. Buenos Aires, Valentín García Escudero, Serra, Arcos de San Bartolomeu, rúa Pedreira, Praza da Pedreira, Arco, César Boente, Don Gonzalo, Curros Enríquez, Soportais, Praza Peregrina, Michelena, Montero Ríos e Praza de España, onde estará situada a meta.