Aviso para os donos deste edificio abandonado do Burgo: deben tomar medidas ou serán multados

Pontevedra
20 de agosto 2024

O Concello de Pontevedra envioulle unha notificación relativa ao estado da súa propiedade pedindo que adopten medidas, pero o intento de comunicarse foi "infrutuoso" e decidiu darlle difusión á situación. Se non se dan por notificados, a Administración actuará de oficio e terán que pagar igualmente e tamén facer fronte a multas

Edificio abandonado e con perigo de derrubamento no Burgo
Edificio abandonado e con perigo de derrubamento no Burgo / Cristina Saiz

Este é un aviso para os propietarios do edificio situado na avenida de Coruña número 6, o inmoble máis próximo á rúa do Burgo.

O Concello de Pontevedra envioulle unha notificación relativa ao estado da súa propiedade pedindo que adopten medidas, pero o intento de comunicarse foi "infrutuoso" e decidiu darlle difusión á situación para lograr dar con eles e que actúen. Xa avisan. Se non se dan por notificados, a administración actuará de oficio e terán que pagar igualmente e tamén facer fronte a multas. 

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, deu conta da situación este martes ao remate da Comisión de Urbanismo, na que se debateu este asunto fóra da orde do día. 

Oubiña explicou que este edificio está a rexistrar "desprendementos continuados de anacos de pedras" e xa no ano 2023 a Policía Local tivo que levantar acta en dúas ocasións por incidentes deste tipo.

En 2023 xa se instalou un valado para evitar que eses desprendementos provocaran danos, pero este mes de xullo os problemas aumentaron ata chegar a unha situación na que se fai precisa unha intervención integral.

O pasado 24 de xullo, os veciños alertaron á Policía Local de que este edificio tiña "risco de colapso" e que "o valado existente podería ser insuficiente no caso de caída de cascotes ao exterior" e trasladáronse ata o lugar tamén os bombeiros e técnicos municipais.

Naquel momento, procedeuse á demolición da cheminea e de parte da fachada e ampliouse a zona de valado e intentouse sen éxito localizar ao propietario do inmoble.

Cinco días despois, o 29 de xullo, os técnicos municipais realizaron un informe confirmando o estado de abandono no que se atopa o inmoble, que "foi o que produciu a súa deterioración" e os incidentes coa cuberta, a inestabilidade da fachada e as caídas de tellas e perpiaños.

Tamén as xanelas están en mal estado, cos vidro rotos; as varandas dos balcóns están oxidadas; e as pedras da cornixa teñen perigo de desprendemento pola presenza de vexetais entre as xuntas.

Nese informe, os técnicos concluíron que era preciso que os propietarios realizasen actuacións "con carácter urxente".

En concreto, que era preciso que, baixo a dirección dun técnico competente, adoptaran medidas de seguridade necesarias para evitar que os viandantes puidesen ter calquera problema no caso de que se producisen desprendementos á rúa.

Un informe do 6 de agosto concedía aos propietarios un prazo de 20 días para presentar un proxecto técnico de obras de reforzo e apontoamento e enviouse unha notificación aos donos, que están debidamente identificados no Concello, pero ninguén abriu esa notificación.

"Non está notificada, non a recibiron os propietarios da parcela", sinala Oubiña, que decidiu acudir aos medios de comunicación para facer pública a situación e intentar que, desta maneira, os propietarios a coñezan. 

Avisan aos donos que poden ter problemas legais se non realizan as actuacións pedidas, pois os propietarios de calquera inmoble son responsables de calquera dano provocado por desprendementos dos seus edificios.

Darán un marxe de tempo e, en caso de que os donos non aparezan, o Concello actuará de oficio e realizará as actuacións necesarias.

Pero Oubiña lembra que, desta maneira "pode ser moito máis custoso" porque, ademais de ter que pagar os traballos, tamén poden ter que pagar multas coercitivas que van de 1.000 a 10.000 euros e son reiterables trimestralmente ata a lograr a execución da totalidade das obras ordenadas. Poden ter que pagar os traballos, as multas ou as dúas cousas