O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou este venres o lugar de Fentáns, en San Xurxo de Sacos, onde se están realizando os traballos para facilitar o acceso rodado ás vivendas deste núcleo.
Tiñan moi restrinxido o paso de vehículos de emerxencia pola estreitez do camiño, algo que se está solucionando ademais de dotalo dun sistema de drenaxe e canalización das augas pluviais.
Para estes traballos, realizados pola empresa local Pavimentos Fonteca, o Concello investiu 46.000 euros procedentes de fondos propios que foron empregados no formigonado raiado do camiño de acceso ás vivendas neste núcleo de poboación e a instalación de tubaxes e sistemas de recollida e canalización de augas pluviais.
Desde o goberno local destacan que estas obras permitirán que os problemas de accesibilidade ás vivendas e a acumulación de auga durante as choivas non se volvan repetir.
Neste sentido, Cubela manifestou a satisfacción destes traballos, que supoñen "unha mellora sustancial da accesibilidade ás vivendas que ata o de agora presentaban serios problemas para que os vehículos de emerxencias puideran chegar e mesmo para transitar nos días de choiva".
Coa instalación do sistema de drenaxe e canalización, "evitarán que as augas pluviais se convirtan nun problema neste núcleo de poboación da parroquia de San Xurxo de Sacos" e servirán para "mellorar a calidade de vida e a habitabilidade da veciñanza", indicou o rexedor.