Avanzan as obras do boulevard de Portonovo coa instalación de servizos

Sanxenxo
11 de decembro 2023

A actuación nesta fase contempla dúas novas rotondas no cruzamento da Perla e na intersección entre as rúas Areal e Vista Alegre

Obras do boulevard de Portonovo
Obras do boulevard de Portonovo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo asegura que as obras do boulevard de Portonovo avanzan segundo o previsto e, a pesar do mal tempo, mantéñense os prazos de final de obra iniciais para antes de Semana Santa. 

A empresa encargada dos traballos xa concluíu a instalación dos servizos de saneamento, abastecemento, iluminación e telefonía nunha das marxes do vial e continúa no outro. O obxectivo é que entre o mes de xaneiro e febreiro comecen co fresado e aglomerado das zonas onde xa se colocou a beirarrúa e o bordo.

Nesta última fase, inclúese a construción de dúas rotondas, unha no cruzamento da Perla, e outra na intersección entre a Rúa Vista Alegre, Travesía Areal e a Rúa Areal co obxectivo de dar unha maior fluidez ao tráfico nestes dous puntos e, á vez, mellorar a seguridade viaria na contorna. Será no principio do ano cando se comece a súa construción.

Mantense o prazo de final de obra para antes de Semana Santa

A empresa delimitou no seu cronograma 3 zonas de actuación. A primeira, xa executada, vai desde a rotonda de inicio dos traballos ata o mercado de abastos; a segunda, desde o mercado ata o cruzamento da Perla onde está prevista a construción dunha rotonda e a terceira, desde A Perla ata a nova rotonda de Canelas.

O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.

O tramo final da obra incluirá a colocación das luminarias, o axardinamento e a colocación do mobiliario como papeleiras e bancos. 

O proxecto de reforma da estrada da Lanzada ascende a 2,3 millóns de euros. O seu financiamento leva a cabo cun acordo coa Consellería de Infraestruturas, que asume o 70 % do custo, mentres que o resto achégao o Concello de Sanxenxo.