Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Rosa Quintana, conselleira do Mar, mantiñan un encontro este venres con representantes dos Concellos do fondo da ría de Pontevedra entre os que se atopaban a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Poio, Luciano Sobral e os concelleiros de Pontevedra, Carme da Silva e Alberto Oubiña, ademais de representantes de colectivos do sector marítimo e marisqueiro e das directoras de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do Intecmar, Covadonga Salgado.
A través de gráficos e de infografías, as conselleiras explicaron como se acometería a ampliación da estación depuradora (EDAR) dos Praceres. Está previsto que a instalación se estenda pola zona na que actualmente se atopan as balsas de Ence. Segundo a Xunta, amortecerase o impacto visual coa creación de zonas verdes próximas ás casas e construirase un novo campo de fútbol no espazo actual, próximo á EDAR.
Segundo explicou ao remate do encontro a conselleira Ethel Vázquez se trata dunha zona sensible e buscáronse todo tipo de tecnoloxías para eliminar o nitróxeno de fósforo, atendendo ás esixencias da Unión Europea e en atención ao sector marisqueiro que traballa nos areais de Praceres. O investimento previsto neste proxecto de ampliación da EDAR ascende a 50 millóns de euros e a conselleira de Infraestruturas anunciou que durante a segunda semana de outubro se iniciará a tramitación ambiental.
Ademais, a conselleira avanzou a sinatura en breve do contrato de mellora do proceso depurativo da EDAR, cun orzamento de 16 millóns de euros e tamén avanzou que no primeiro trimestre de 2020 adxudicarase o contrato para a construción do novo emisario submarino, cun investimento de máis de 12 millóns de euros.
Sobre o rexeitamento plenario ao proxecto de ampliación da EDAR, apoiado por todos os partidos políticos incluído o Partido Popular, desde o Concello de Pontevedra, Ethel Vázquez manifestou que o saneamento da ría debe estar por encima dos intereses políticos e dun partido concreto. Indicou que na mesa deste venres non se atopou cunha "oposición frontal" dos representantes do Concello de Pontevedra e sinalou que toda a información do plan de saneamento se atopa ao dispor do Concello. Neste sentido, sinalou que Pontevedra é a única cidade de Galicia onde o Concello se desentende da depuradora. Indicou que espera que desde a administración local se controlen as verteduras industriais á rede de colectores para que se cumpra coa normativa e que se manteña esa rede porque lembrou que o sistema de bombeos e a rede de colectores é "tan importante" como a propia depuradora.
Tamén puxo en dúbida que Pontevedra conte cunha rede separativa, como se manifesta desde o goberno local porque as auditorías da Xunta, "levantando arqueta a arqueta e bombeo a bombeo" indican que a rede non é "depurativa".
Ademais, a titular de Infraestruturas insistiu en que a alternativa de crear depuradoras pequenas en lugar de ampliar a de Lourizán sería xerar o problema noutras zonas coa dificultade de crear unha rede de colectores completa noutros municipios. "É imposible", afirmou alegando que ademais existe unha depuradora que pode funcionar correctamente nun curto espazo de tempo. "O falar non ten cancelas", apuntou referíndose aos que sosteñen a creación de pequenas depuradoras como alternativa.
OPOSICIÓN DO CONCELLO DE PONTEVEDRA
Carme da Silva, concelleira que acudía á reunión como representante do goberno local de Pontevedra, lamentaba á saída da reunión que non se achegou documentación técnica durante este encontro. "Ensinousenos un power point", dixo para criticar que a conselleira responsabilizase dos problemas do saneamento da ría ao Concello de Pontevedra asegurando que desde o goberno local se fixo un investimento millonario para separar as augas fecais e as pluviais.
Sinalou que desde a Xunta de Galicia se lles empreza a decembro para mostrar o plan de saneamento pero polo momento non hai un documento técnico. "Tentan botar balóns fóra nalgo que é da súa competencia", afirmou respondendo ás declaracións de Ethel Vázquez sobre a falta de atención de Pontevedra neste tema. Da Silva sinala que é unha irresponsabilidade política manifestar algo así cando a competencia neste terreo corresponde á Xunta desde 2006 e que a propia administración autonómica foi quen manifestou que se quería facer cargo da xestión da EDAR de Praceres.
A concelleira mostrou a súa "decepción absoluta" e lembrou que non se presentou proxecto algún na reunión e que os cargos da Xunta recoñeceran que a ampliación non só será cara a Ence senón tamén "cara Praceres de forma importante".
En canto á rede de saneamento de Pontevedra, Da Silva remitiuse a Augas de Galicia: "estas cousas non son cuestión de fe" e destacou que a entidade pública comunicou as deficiencias que detectaran nos últimos anos e se foron resolvendo todos eses problemas, agás no caso do Gafos e a galería de servizos, que se atopan en execución.
PLATAFORMA VECIÑAL NON Á AMPLIACIÓN DA DEPURADORA
A concelleira tamén lamentou que neste encontro non se permitise o acceso aos veciños da Plataforma Veciñal Non á ampliación da Depuradora dos Praceres, que mostraron o seu malestar ao sentirse directamente afectados por esta obra. Antes do encontro, os representantes veciñais mantiveron un breve diálogo coa conselleira de Infraestruturas que manifestou que a reunión era cos sectores do mar e cos políticos como representantes dos Concellos. Ethel Vázquez apuntou que non tería problema en reunirse durante as próximas semanas cos integrantes da Plataforma para explicarlles o proxecto.
José Manuel Bellón, portavoz da Plataforma, sinalou que non se opoñen ao saneamento senón á ampliación da depuradora. Denuncian que desde a Xunta non contan con este colectivo nin coa asociación de veciños de Estriceres malia atoparse afectados polo proxecto.
Manterán unha asemblea veciñal o sábado 12 de outubro para informar aos asistentes das novidades do proxecto e adoptar medidas para continuar manifestando a súa oposición á ampliación da EDAR.
CONFRARÍAS DA RÍA DE PONTEVEDRA
Mari Carmen Vázquez, presidenta da confraría de Lourizán, manifestou a súa satisfacción polo resultado da reunión que lle garante que a principios de 2020 comezará a mellora do funcionamento da depuradora, para despois desenvolver o proxecto de ampliación que conlevará un caudal de 1.800 litros por segundo, moi superior ao actual de 900 litros por segundo.
Agradeceu que o proxecto de ampliación contemple a súa inclusión da parroquia para evitar o "feo" actual con días en que se observa escuma na contorna.
Indicou que ningún Concello falara das separativas de pluviais e fecais durante a reunión. Desde a confraría reclama a revisión das partes vellas da rede de colectores nas que se mesturan ambas as augas.
Mari Carmen Vázquez sinalou que "non queren polítiqueos" e que estas mesas celébranse para manifestar os problemas. Pediu que os Concellos e a Xunta "se poñan de boa man" para buscar unha solución ao saneamento da ría.