A actuación que o Concello de Poio está a acometer no Camiño Real, entre os lugares da Bouza e Urxeira, "avanza a bo ritmo", segundo trasladou o concelleiro, Julio Casás.
A reforma ten como obxectivo reforzar a seguridade viaria e a renovación de servizos básicos. A través desta actuación dótase á vía de cunetas de evacuación de augas pluviais, ademais de novo pavimento.
Trátase dun proxecto financiado con fondos correspondentes ao Plan Marco da Xunta de Galicia.
As obras, que están sendo levadas a cabo pola empresa adxudicataria EC Casas, contan cun orzamento que ascende a máis de 98.000 euros.
Estase a traballar tamén na mellora dos accesos ás parcelas agrícolas existentes na contorna e na instalación dunha plataforma para o tránsito rodado, de 4 metros de anchura, ademais dunha senda peonil que reforza a seguridade para os viandantes.
As obras esténdense nun tramo duns 500 metros de longo aproximadamente e serven para poñer fin aos problemas derivados do deterioro do firme e a acumulación de augas en épocas de chuvia.