O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar a primeira fase do proxecto de rehabilitación integral da histórica aldea de Fontán, na parroquia de San Xurxo de Sacos, onde se procedeu á reconstrución de muros antigos e á restauración do lavadoiro.
O alcalde, Jorge Cubela, achegouse ata a zona para supervisar o resultado final da reposición destes peches de pedra e do resto dos traballos.
A actuación efectuada consistiu na reposición e posta en valor de varios muros de pedra tradicional a dobre cara situados a ambas marxes do acceso interior a este lugar, co que se mellorou a imaxe e funcionalidade desta contorna. Tratouse dun traballo complexo por tratarse dun treito de preto de 100 metros de lonxitude e polas dimensións das rochas. Na entrada a esta pista acondicionouse unha pequena praza en formigón.
Os traballos incluiron tamén a restauración completa da fonte lavadoiro de Fontán, que estaba recollido no plan de acondicionamento destas infraestruturas de augas no que se contempla a recuperación de 14 delas no territorio de Cotobade con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2017. O espazo quedou completamente rehabilitado e limpo e recuperou a súa estética de antano.
Deste xeito, o lugar de Fontán xa está preparado para afrontar nas vindeiras semanas a fase final da súa rehabilitación coa reposición dos seus viais e a dotación de firme ao seu acceso interior, que están orzamentados en 60.000 euros. A empresa adxudicataria está acometendo nestes días as tarefas de limpeza previas a estas obras.