Avanza a instalación da fibra óptica en Sanxenxo

Pontevedra
15 de maio 2024

Un total de 3.364 unidades inmobiliarias máis quedarán conectadas ao longo deste ano no eixe que pasa por Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade

Instalación da fibra óptica en Sanxenxo
Instalación da fibra óptica en Sanxenxo

O avance da fibra óptica na provincia de Pontevedra continúa da man do plan ÚNICO-Banda Ancha do Goberno de España. 

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, estivo supervisando os traballos de despregamento na parroquia de Dorrón, en Sanxenxo, acompañado do tenente de alcalde Marcos Guisasola e da concelleira María Deza e agradeceu a colaboración dos 61 concellos da provincia e da Deputación no avance da conectividade.

O delegado da empresa concesionaria Avatel, Juan Manuel González, explicou que ao longo dos próximos meses garantirá a conexión con fibra ata o fogar FTTH cun mínimo de 300 Megas dun total de 3.364 unidades inmobiliarias (vivendas ou empresas). 

A empresa está a traballar agora mesmo nun eixe que percorre Sanxenxo, Poio, Pontevedra (Lérez), Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade. 

No Concello de Sanxenxo, en concreto, quedarán conectadas cara finais de xuño un total de 700 unidades inmobiliarias e ao longo do ano un total de 1.064.

Os cálculos indican que outras 900 vivendas e/ou empresas de Poio beneficiaranse da conectividade e o resto pola zona da parroquia de Lérez en dirección a Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade a partir da Piolla.

O subdelegado recordou que o Goberno "garante a conectividade a través de enlace satélite co Hispasat ás vivendas ás que sexa imposible chegar co tendido da fibra óptica".

Un 91 % das unidades inmobiliarias de toda a provincia xa dispoñen de conexión a Internet ultrarrápida. Agárdase que antes de decembro de 2025 estean conectadas o total das 682.000 unidades inmobiliarias da provincia de Pontevedra que ata hai tres anos non contaban con acceso a esta tecnoloxía.