Este martes mantiñan unha entrevista Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán no Pazo Provincial. Durante este encontro, López comprometíase a construír a senda peonil entre Baión e András no municipio arousán.
A senda peonil situaríase na marxe da estrada EP-9701. Trátase dunha demanda histórica das persoas residentes nesta contorna.
O proxecto avalíase en preto dun millón de euros e xa está redactado á espera de que Deputación e Concello asinen un convenio para fixar os termos que permitan o inicio das obras.
Crearase un itinerario peonil de 570 metros. Actualmente ese espazo, segundo a Deputación de Pontevedra, presenta problemas de seguridade viaria debido ás dimensións estreitas dos laterais e a ausencia de beirarrúas.
A obra pretende reducir o risco de accidente nun punto situado próximo ao colexio, á gardería, centro de saúde e entre dous núcleos de poboación.
Os traballos contemplan a mellora da entrada peonil desde a estrada á gardería, ampliarase o trazado con nova pavimentación e renovación dos servizos; tamén se creará unha plataforma compartida na parte final da senda e instalaranse redutores de velocidade para os vehículos. O proxecto tamén establece a mellora das paradas de autobús e dos cruces coa estrada autonómica PO-531.
Durante este encontro, ámbolos dirixentes, coa presenza do deputado Javier Tourís, teniente de alcalde en Vilanova, analizaron tamén a situación das estradas de As Sinas e Ousensa.