O inicio dos traballos de escavación arqueolóxica na rúa Santa Clara activaron de novo a fase final dunha obra que provocou as queixas de veciños e comerciantes.
A aparición de restos arqueolóxicos obrigou a licitar e adxudicar unhas obras complementarias que provocarán unha escavación de metro e medio de profundidade para que os técnicos comproben se existen máis vestixios pertencentes, segundo se cre, ao Camiño Vello de Castela.
Estes traballos serán compatibles coa actividade comercial, para a que se instalou unha pasarela nos preto de 400 metros cadrados que comprende a actuación.
Ata o lugar desprazouse este mércores o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, xunto aos arqueólogos que catalogarán os achados. Se ben segundo o representante do goberno municipal, a previsión é "que non apareza nada especial", o que permitiría "que puidéramos chegar á altura de Nadal coa obra practicamente resolta".
Louro confía en que "a escavación quede resolta a semana que vén para que vos arqueólogos poidan ditaminar que hai que facer e a dirección xeral de Patrimonio tamén diga se hai que facer algunha cousa maís", declarou ante os medios de comunciación.
Unha vez realizado o estudo das estruturas arqueolóxicas realizarase a colocación dos servizos como as instalacións de auga, saneamento, pluviais ou electricidade.
Os traballos complementarios no último tramo de Santa Clara foron adxudicados cun presuposto de 55.452,61 euros.