A integración na trama urbana das vivendas militares existentes en Campolongo e Mollavao vén de recibir o aval da Xunta de Galicia. Os técnicos autonómicos informaron favorablemente á modificación do PXOM de Pontevedra que permitirá esta operación urbanística.
O obxectivo do cambio proposto é mellorar a actual trama urbana da cidade, convertendo estas dúas áreas en espazos plenamente integrados na zona residencial urbana na que están.
O ámbito integrado polas avenidas xeneral Antero Rubín e María Victoria Moreno abrangue unha superficie de máis de 24.000 metros cadrados no que se prevé modificar o uso residencial actual, vinculado ao padroado de casas militares por outro de edificación aberta.
Ademais, está prevista a creación dun espazo de aparcamento para residentes e usos comerciais, entre outras cuestións, como a apertura dunha nova rúa que comunicará a Rúa da Tablada e María Victoria Moreno.
A tal fin, preténdese incrementar os espazos públicos libres, mellorar a articulación das zonas residenciais e crear novas dotacións públicas tendo en conta que son espazos pechados e illados do seu entorno debido ao sentido antigo carácter militar.
No caso da parcela situada entre Manuel del Palacio e Rosalía de Castro, un ámbito de algo máis de case 5.400 metros cadrados, a modificación proposta ten como fins principais cambiar o uso e a tipoloxía de vivenda unifamiliar por un uso residencial colectivo intensivo.
Ademais, crearase unha praza pública aberta á rúa Rosalía de Castro que actuará como espazo centralizador do solo urbano circundante e ampliaranse espazos libres e zonas verdes públicas.
O pleno municipal de Pontevedra aprobara provisionalmente esta modificación o pasado mes de febreiro. O informe da Xunta está condicionado, en todo caso, a que se cumpran indicacións menores dalgún dos organismos sectoriais consultados no marco da tramitación urbanística.