A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aceptou a revisión de prezos solicitada pola empresa BeOne, concesionaria das piscinas de Campolongo, que poderá incrementar as súas tarifas un 1,87% desde o 1 de xaneiro de 2024.
Tal e como está recollido no contrato, estas revisións pódense facer durante os 13 primeiros anos da explotación da concesión, debido ao investimento que asumiron na reforma integral deste centro deportivo municipal de Campolongo finalizada no ano 2019 e que custou algo máis de 5,5 millóns de euros.
Segundo informou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a empresa pediu este incremento de tarifas xustificado por diversos factores como a subida salarial dos traballadores ou a inflación.
O contrato ten un tope máximo de 2,5% para esa subida, que foi o que BeOne subiu o ano pasado nas tarifas aos usuarios do ximnasio e as piscinas de Campolongo.
Como concesionaria dun servizo municipal, a empresa BeOne pode apelar ao restablecemento do equilibrio económico-financeiro da concesión, neste caso xustificada pola subida do IPC, o incremento xeral dos prezos, as enerxías e o custo da vida.