Autónomos e empresas poderán solicitar un anticipo do 75% das axudas municipais

Pontevedra
30 de xuño 2020

Reducir o desembolso inicial que teñan que realizar os solicitantes das axudas municipais a autónomos e pequenas empresas. É o obxectivo da medida que o Concello introducirá nas bases para estas subvencións que concederá o goberno municipal pola crise da COVID-19

Comercio local de Pontevedra
Comercio local de Pontevedra / Mónica Patxot

Reducir o desembolso inicial que teñan que realizar os solicitantes das axudas municipais a autónomos e pequenas empresas. É o obxectivo da medida que o Concello introducirá nas bases para estas subvencións que concederá o goberno municipal pola crise da COVID-19.

Así, os interesados en acceder a estas axudas, que estarán vinculadas á realización de obras para modernización ou dixitalizar os seus negocios, poderán solicitar un anticipo do 75% da subvención, que como máximo serán 5.000 euros por emprendedor.

A portavoz do goberno, Anabel Gulías, explicou que esta decisión chega tras varias reunións cos servizos técnicos municipais para abordar o tratamento, convocatoria e bases definitivas e "sempre coa intención de mellorar as facilidades para solicitar e para acollerse ás axudas".

"Entendemos que este adianto contribúe dunha forma sinxela e eficaz a que a xente se anime a pedir estas axudas para mellorar os seus negocios sempre co punto de vista fixo no futuro, en mellorar a nosa cidade e en mellorar o tecido económico e social", sinalou Gulías.

Neste momento da tramitación técnica desta liña de axudas, o Concello tamén iniciou unha campaña de difusión do borrador co obxecto de que os posibles interesados vaian coñecendo os requisitos de partida e poidan ir tomando as súas decisións.

Ademais, durante este proceso de difusión tamén se están recollendo suxestións puntais de cara a estudar a súa posible inclusión nas bases definitivas.

As axudas contemplan unha partida inicial de 1.250.000 euros para proxectos que non superen os 12.000 euros e cunha porcentaxe de subvención do 70% do custe total do proxecto, ata un máximo de 5.000 euros por solicitude.

Os beneficiarios serán as empresas, negocios e actividades con local de atención directa ao público que tiveron un parón mínimo de 15 días durante o estado de alarma e queiran facer as actuacións no eido da modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos negocios, embelecemento interior e exterior, mellora da accesibilidade, eficiencia enerxética e similares. 

APP PARA XESTIONAR O PATRIMONIO MUNICIPAL

O Concello aprobou tamén este luns o expediente de contratación para a implantación dun sistema de xestión patrimonial integral, unha aplicación informática que custará 157.300 euros durante catro anos e que servirá para seguir modernizando a administración.

Esta aplicación permitirá a integración co sistema contable do Concello e co sistema de administración electrónica, o que implicará a mellora da identificación do patrimonio, das operacións relacionadas e que todos os servizos teñan acceso a todo o inventario patrimonial, xa que por primeira vez vai estar informatizado.

Así, este sistema posibilitará que todas tipoloxías de bens sexan xestionadas a través de datos tales como a identificación, definición, localización, situación xurídica, vida económica, custes de adquisición, conexión coa oficina virtual do catastro ou a xeorreferencia.

O sistema tamén debe incluír o deseño dun plan de instalación, axustado ás necesidades do Concello, e debe garantir a formación para os funcionarios e a elaboración dun manual de metodoloxía.