A partir deste domingo 22 de decembro, poderán verse nos autobuses urbanos de Pontevedra e da Coruña as campañas sobre violencia contra a infancia deseñadas polo alumnado da Facultade de Comunicación.
Esta iniciativa enmárcase nun proxecto que desenvolve a Universidade de Vigo xunto con Educo, unha organización internacional de cooperación ao desenvolvemento que centra o seu labor na defensa dos dereitos da infancia. Baséase nun modelo de aprendizaxe-servizo, é dicir, aprender facendo un servizo á comunidade.
O obxectivo da campaña é concienciar á cidadanía da importancia do bo trato e protección á infancia, así como das diferentes formas de violencia que sofren os menores de idade.
Os alumnos do Grao en Publicidade e Relacións Públicas deseñaron oito campañas de sensibilización, orientadas a alumnado e profesorado de Primaria e de Secundaria, á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.
Estes oito proxectos foron presentados este martes polas alumnas Irene Rouco e Ivanna Hampshire, nun acto celebrado nesta Facultade e que contou coa participación da delegada territorial de Educo, Mónica Viqueira, e do vicedecano de Comunicación e Relacións Institucionais, Paulino Pérez.
Mónica Viqueira apuntou que "nos últimos tempos vemos como están repuntando casos de violencia" como o acoso escolar ou a violencia sexual e incidiu no positivo que ten traballar xunto co alumnado universitario, que "nos achega novas ideas e perspectivas".
Entre as oito campañas deseñadas está: "Infancia escoitada, infancia protexida", que desde este domingo poderá verse nos autobuses urbanos de Pontevedra e que pon de relevo a importancia dunha "escoita activa" dos menores de idade.
Este é tamén un dos eixos centrais de "Unha tarefa pendente", que poderá verse ao longo dun mes nos autobuses urbanos da Coruña e pon o foco en que "garantir espazos seguros para a infancia" é unha "tarefa pendente da sociedade".
Outra das propostas, "Rompe o silencio", ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria dunha "problemática que moitas veces permanece oculta", con mensaxes como "oito de cada dez persoas non verán a campaña, porque non sofren violencia, e dúas de cada dez ignorarana porque a sufriron".
Orientada ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, outro dos proxectos busca sensibilizar sobre as necesidades emocionais dos nenos, mentres que "Todo comeza por educar" ten como destinatario ao profesorado e engloba propostas como a creación dun mural nos centros de ensino.
Nesa mesma liña, "Por min e por todos os meus compañeiros" proxecta unha serie acciones en Mondariz Balneario, entre as que se inclúe unha xornada nun centro educativo.
Por outra banda, "Xogando por unhas aulas seguras" ten como obxectivo capacitar aos monitores de tempo libre "para que poidan identificar situacións de risco e actuar de maneira efectiva", con accións como un trivial colectivo na Illa do Covo, en Pontevedra.
Finalmente, outra das propostas céntrase en mentalizar tanto a nenos e adolescentes, como á poboación en xeral, do impacto emocional e psicolóxico do ciberbullying, a través dos carteis que permitirán ler en diferentes puntos de Pontevedra lemas como "unha mensaxe de odio pode ter impacto para toda a vida. Pensa antes de escribir".