Autobuses gratis para todos os pontevedreses que queiran acudir á manifestación de SOS Sanidade Pública

Pontevedra
03 de febreiro 2023

Todas as persoas que queiran asistir desde Pontevedra á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública poderán facelo e de maneira gratuíta

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reunido con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reunido con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública / Mónica Patxot

Todas as persoas que queiran asistir desde Pontevedra á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública poderán facelo e de maneira gratuíta

O representante de SOS Sanidade Pública en Pontevedra, Juan Manuel Loureiro, confirmou que “vai haber autobuses para todos” desde a cidade e que "ninguén quedará sen sitio" para acudir a esta manifestación, que “é necesaria porque temos que dar un golpe na mesa”.

Así o asegurou nunha rolda de prensa posterior a unha reunión que tivo lugar este venres no Concello de Pontevedra entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e representantes da plataforma.

Esta convocatoria forma parte dunha das iniciativas que SOS Sanidade Pública está a desenvolver en Galicia. O alcalde de Pontevedra apoia na súa plenitude esta marcha e confirma que “hai unha preocupación na sanidade pública”. Asegura que moitos cidadáns “non saben nin cando, nin quen lles vai a atender”. Insiste en que “son necesarias medidas a curto, medio e longo prazo”.

Os autobuses sairán ás 10:30 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra o domingo 12 de febreiro. O regreso está programado para a hora á que conclúa a manifestación.

Serán totalmente gratuítos pero a xente terá que anotarse previamente. Poderase facer a través do email [email protected]; do número de teléfono 659685729; ou das sedes de distintos sindicatos e partidos políticos. O prazo para inscribirse finalizará o xoves ás 21:00 horas.

O representante da plataforma tamén fixo fincapé en que ainiciativa lexislativa popular (ILP) que van presentar no Parlamento Galego o próximo 7 de febreiro “supera amplamente as 10.000 firmas”, que é o mínimo ao que se ten que chegar para que unha ILP sexa obxecto de estudo. Nela, unha das propostas que se expón é o aumento dos orzamentos, dun 14% a un 25%, dirixidos á sanidade centrados principalmente na atención primaria.