Autobuses desde numerosos concellos para secundar a manifestación de SOS Sanidade Pública en Santiago

Pontevedra
05 de febreiro 2023

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo fletará autobuses desde Marín e as parroquias. As persoas interesadas poden anotarse en diferentes establecementos, así no 699 484 676 ou no facebook. O Concello de Cambados pon a disposición un servizo de autobús gratuíto que sairá ás 10.00 horas. É necesario anotarse no 637 729 415

Manifestación de SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro en Santiago
Manifestación de SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro en Santiago / SOS Sanidade Pública

Numerosos colectivos de concellos da comarca de Pontevedra e tamén da súa área de influencia vanse sumar o vindeiro domingo 12 de febreiro á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela e, para garantir que toda a poboación que así o desexe poida acudir, vai haber autobuses de balde desde distintos puntos. 

Así, este venres SOS Sanidade Pública Pontevedra anunciou que habería transporte desde a capital, pero durante a fin de semana houbo máis anuncios nesta mesma liña 

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, participará e fletará autobuses desde Marín e as parroquias. As persoas interesadas poden anotarse en diferentes establecementos das parroquias, así como no 699 484 676 ou no facebook. O último día será o xoves 9.

Dende a Plataforma, chaman a participar a todas as veciñas e veciños do concello de Marín dada a "grave situación da sanidade pública". Indican que "sobran os motivos para manifestarse" e en Marín viven moitos deles.

Así, aseguran que en Marín a media de espera para unha cita no médico de cabeceira é dunha semana e pode chegar nalgún cupo a 15 días; nas urxencias do PAC falta médico día si día tamén; hai problemas serios en pediatría, cancélanse citas e mándanche ir de urxencias, os controis pódense demorar ata un mes; as urxencias de Montecelo están desbordadas e para especialistas hai esperas que poden chegar ao ano.

Desde Seixo tamén critican a falta de apoio e colaboración "outra vez" do goberno municipal que preside María Ramallo. Poñen de exemplo que concellos como Moaña, Bueu, Poio, Pontevedra, O Grove, Meis, Ribadumia, Cambados ou A Illa de Arousa contratan autobuses para axudar aos seus veciños a desprazarse a Santiago.

No Salnés, o Concello de Cambados fai un chamamento á veciñanza para participar na manifestación e pon a disposición da cidadanía un servizo de autobús gratuíto que sairá ás 10.00 horas da estación de autobuses con regreso ao remate da mobilización.

Para reservar praza é necesario anotarse previamente no teléfono 637 729 415.

A mobilización conta co respaldo do Pleno da corporación municipal do mes xaneiro a través dunha moción socialista que recibiu o voto a favor de todos os grupos agás do PP, que se abstivo.

O alcalde, Samuel Lago, e o concelleiro de Sanidade, Tino Cordal, animan á veciñanza a acudir porque "as únicas solucións que propón o Sergas son parches mentres que os profesionais sanitarios soportan pésimas condicións laborais".