A Deputación presentou a súa Axenda Urbana e Rural da Provincia de Pontevedra (AUPO 2030) co obxectivo de facilitar a captación de fondos europeos para investimentos provinciais.
As deputadas María Ramallo e Belén Cachafeiro foron as responsables de elaborar esta folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións que levarán a cabo ata 2030 para facer do rural e as cidades uns "ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados".
Trátase dun documento estratéxico, un plan de acción a medio prazo, para mellorar a planificación do conxunto do territorio provincial, especialmente cos concellos de menos de 20.000 habitantes (por ser os que teñen menos medios e recursos), que supoñen máis do 80% do total dos 61 municipios que a integran.
O obxectivo da Deputación de Pontevedra é deseñar un modelo de desenvolvemento urbano e rural para ser unha provincia "máis sostible, resiliente, inclusiva e segura".
A deputada de Cooperación Local, María Ramallo, explicou que AUPO 2030 "actuará como un paraugas" para que todos os concellos poidan beneficiarse das "oportunidades de financiamento europeo, cun enfoque ambiental, sostible economicamente e inclusivo socialmente".
Pola súa banda, Belén Cachafeiro, deputada de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital, incidiu en que a AUPO 2030 se construíu a través dun proceso participativo con mesas de traballo territoriais, ademais de puntos de información á cidadanía e enquisas que deron coma resultado "un novo marco de gobernanza que asegura que todas as decisións están consensuadas e teñen en conta as necesidades reais".
A Axenda está estruturada en seis dimensións cun total de 38 liñas de acción que inclúen a mellora dos servizos e infraestruturas públicas, o fomento do emprendemento ou a xestión sostible dos recursos naturais.
A AUPO 2030 levarase ao próximo Pleno e, unha vez aprobada, será a guía para o conxunto de políticas urbanas na Deputación que se utilizará nos plans, os proxectos ou cambios normativos que resulten necesarios para alcanzar os obxectivos propostos que son: ordenar o territorio, fomentar a cohesión social e buscar a equidade, evitar a dispersión urbana e revitalizar as cidades.
Tamén se pretende impulsar e favorecer a economía, previr e reducir os impactos do cambio climático e mellorar a resiliencia, garantir o acceso á vivenda, facer unha xestión sostible dos recursos e promover a economía circular, liderar e fomentar a innovación dixital, favorecer a proximidade e a mobilidade sostible e mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza.