Aumentan os visitantes do Centro Arqueolóxico da Caeira

Poio
19 de maio 2014

O vindeiro mes de xuño celébrase o quinto aniversario da inauguración do Centro de Interpretación e da Área Arqueolóxica e dende a súa apertura máis de 2.900 persoas visitaron as instalacións situadas na oficina de turismo do Casal de Ferreirós e da Área Arqueolóxica ubicada na Caeira

Centro Arqueolóxico da Caeira
Centro Arqueolóxico da Caeira / Concello de Poio

Os visitantes do Centro Arqueolóxico da Caeira incrementouse nos últimos meses e, segundo os datos que facilita a concellería de Turismo de Poio, máis de 80 persoas visitaron as instalacións durante o mes de abril e as dúas primeiras semanas de maio.

De todos estes visitantes, un 65% chegaron formando parte dalgún grupo, mentres que o 35% foron visitas de carácter individual.

O próximo mes de xuño celébrase o quinto aniversario da inauguración do Centro de Interpretación e da Área Arqueolóxica e dende a súa apertura máis de 2.900 persoas visitaron as instalacións situadas na oficina de turismo do Casal de Ferreirós e da Área Arqueolóxica ubicada na Caeira.

As visitas ao centro constan de dúas partes. A primeira consiste na visita á aula de interpretación que conta con diferentes paneis explicativos, réplicas de obxectos pertencentes á Idade de Bronce e unha réplica a tamaño natural do petroglifo Pozo Ventura. Na mesma aula de interpretación proxéctase un vídeo informativo sobre a Idade de Bronce e os petroglifos.

A visita ao centro arqueolóxico continúa co paseo pola Área Arqueolóxica da Caeira, un espazo recuperado no que se poden contemplar algunhas das pedras máis relevantes desta importante estación de arte rupestre.

Arquivado en