Aumentan os aforos na hostalería e o uso do certificado covid limítase a residencias e hospitais

Pontevedra
23 de febreiro 2022

O comité clínico decidiu que a partir desta fin de semana deixa de ser obrigatorio o uso do certificado  covid, excepto para aquelas persoas que visiten centros sociosanitarios e hospitais. Ademais, na hostalería increméntase a ocupación por mesas: de 15 a 20 en exterior e de 8 a 10 en interior e elimínase o do rexistro de clientes

Terrazas na Praza de Méndez Nuñez
Terrazas na Praza de Méndez Nuñez / PontevedraViva

O comité clínico decidiu que a partir desta fin de semana deixa de ser obrigatorio o uso do certificado covid, excepto para aquelas persoas que visiten centros sociosanitarios e hospitais. Ademais, na hostalería increméntase a ocupación por mesas: de 15 a 20 en exterior e de 8 a 10 en interior e elimínase o rexistro de clientes.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou destas novas medidas enmarcándoas na "nova fase" da pandemia marcada pola alta taxa de vacinación e unha situación normalizada nos hospitais.

García Comesaña tamén anunciou que, a partir deste sábado, a hostalería tampouco terá que seguir co rexistro de usuarios no interior dos locais. 

En 15 días, o comité clínico volverá avaliar a situación epidemiolóxica, e se segue mellorando, o máis probable é que se deixe sen efecto a restrición nos aforos. Tamén se revisarán outros aspectos do protocolo, como o uso dos baños ou os circuítos de entrada e saída.

O comité clínico reiterou a recomendación de que se siga utilizando a máscara con carácter xeral no patio dos colexios e, de momento tamén no interior das aulas.

A administración da segunda dose á poboación de 5 a 11 anos non terminará ata dentro dunhas semanas (actualmente está no 23 %) e por tanto "ratificouse" a conveniencia de que, con carácter xeral, os patios sigan considerándose lugares de aglomeración e de manter o uso da máscara no ámbito escolar.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron este mércores un encontro con representantes da hostalería para comunicarlles esta decisión de retirar a obrigatoriedade de presentar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais de hostalería, tras a reunión de onte do comité clínico.

García Comesaña engadiu a importancia de manter a obrigatoriedade do uso da máscara no interior dos locais salvo no momento do consumo e de seguir avanzando co sector nas medidas relacionadas coa ventilación. 

Alfonso Rueda indicou que se abre unha nova etapa "deste camiño do que falta moi pouco para volver á normalidade" e agradeceu o esforzo e a responsabilidade do sector desde o primeiro momento da pandemia co cumprimento das medidas e restricións acordadas nos momentos de aumento dos contaxios, o que axudou a "salvar vidas".