A concellería de Medio Ambiente detectou un incremento de verteduras de residuos voluminosos en diversas zonas do municipio. Esta presenza de elementos de gran tamaño é "incomprensible" para o goberno local, que lembra que a veciñanza ten á súa disposición un servizo gratuíto de recollida de produtos como colchóns ou mobles.
Indican que nas últimas semanas, o servizo de recollida tivo que retirar ata dúas veces nun día mobles situados nunha mesma zona incumprindo a normativa. Os puntos onde se adoita rexistrar estas infraccións son o Camiño do Castro, en Campelo; na antiga chatarrería de Alvar ou nos arredores do colexio de Espedregada, en Raxó.
O goberno de Ángel Moldes advirte de que a Policía Local mantén a vixilancia e, nestes casos, se localiza ás persoas infractoras tramítalles unha sanción económica.
O servizo gratuíto de recollida só require chamar ao teléfono 986.771.185 indicando a zona de retirada do material voluminoso.
Ademais, o servizo de Medio Ambiente indica que o Punto Limpo Móbil permanecerá este mes de novembro en San Salvador durante os días 7, 8 e 9; en San Xoán, entre o 14 e o 16; en Combarro, do 21 ao 23; Samieira, nos días 28 e 29; e en Raxó, o 30 de novembro e o primeiro día de decembro.