Aumentan as descargas de pesca conxelada no Porto de Marín

Marín
26 de maio 2023

Ata o mes de abril, o tráfico de pesca conxelada aumentou un 5% en Marín. Durante esta semana permanecen tres buques operando simultaneamente con esta mercadoría e agárdanse outras tres novas entradas nos vindeiros días, segundo informa a Autoridade Portuaria

Descarga no Porto de Marín
Descarga no Porto de Marín / Autoridad Portuaria de Marín - Ría de Pontevedra

Este xoves entraba no Porto de Marín o buque conxelador Igueldo para descargar máis de mil toneladas de pesca conxelada.

Convértese no terceiro buque en porto que, durante esta semana, opera con esta mercadoría. O Cassiopea e o Monteferro, chegado desde Montevideo, operan simultaneamente e a Autoridade Portuaria prevé a chegada de tres novos barcos conxeladores co mesmo produto, dous deles procedentes de Uruguai, o Montelourido e o Playa de Tambo.

Desde o porto entenden que este mes continuará á alza a cifra de descargas de peixe conxelado. En abril lográbase unha subida de preto do 5% en relación ao mesmo mes do 2022.

Segundo os datos que trasladaba José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria, ao Consello de Administración, ata o mes de abril o porto rexistra un aumento total no seu tráfico de mercadorías do 4,43%. 

Destaca o incremento dos graneis sólidos de preto dun 20% respecto ao ano anterior, principalmente en cereais e as súas fariñas, ademais das madeiras e cortizas.

En mercadoría xeral crece a pasta de papel, que se une á subida da pesca conxelada.

Os datos tamén reflicten un aumento de pesca fresca, que alcanza un 10,5% de subida neste primeiros catro meses de 2023.

Durante o encontro do consello de administración tamén se realizaba a aprobación previa do Plan de Empresa 2024, que deberá ratificar Portos do Estado a principios do próximo mes e se aprobaba a modificación do Plan de Emerxencia Interior e Autoprotección do Porto de Marín e a revisión do Plan de Protección, segundo informan desde a Autoridade Portuaria.