Aumentan a 47 o número de positivos por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra, 8 no hospital

Pontevedra
18 de marzo 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este mércores dez pacientes máis que 24 horas antes. Dos 47 casos de Pontevedra, oito atópanse hospitalizados en planta, un deles no Hospital  do Salnés e o resto no Hospital Montecelo. Ningún dos pacientes está en UCI  

Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este mércores 47 casos activos de pacientes con coronavirus, unha cifra que supón un incremento de dez pacientes nas últimas 24 horas e que provocou que nesta área sanitaria haxa case igualado a incidencia da de Vigo, ata o de agora a de maior tamaño da provincia. 

Así, segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de  Sanidade, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 333, dos que en Pontevedra hai 47 e en Vigo, 49. A zona con maior número de casos é A Coruña, con 108. Ademais, hai 31 en Lugo, 34 en Ourense, 56 en Santiago e 8 en Ferrol.

Dos 47 casos de Pontevedra, oito atópanse hospitalizados en planta, un deles no Hospital  do Salnés e o resto no Hospital Montecelo.

En Pontevedra, ningún dos pacientes está en UCI e 39 están illados no seu domicilio. No total de Galicia, do total de pacientes positivos, 11 permanecen en UCI, 63 están en unidades de hospitalización e 259 no domicilio.

Por agora, en Galicia rexistráronse 4 altas de pacientes e 4 falecementos, un deles na área sanitaria de Pontevedra.

O director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, recoñeceu este mércores, con motivo da súa comparecencia diaria, que a incidencia real do coronavirus entre a poboación descoñécese pola escaseza de test realizados ata o de agora, pero engadiu que o Centro Nacional de  Epidemiología empezará nos próximos días a revalidar os test rápidos anunciados polo Ministerio de Sanidade.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.