Por terceiro día consecutivo, os casos activos por covid-19 na área sanitaria volven subir. Fano, iso si, máis lentamente que en semanas atrás. O balance diario do Servizo Galego de Saúde recolle 2.094 persoas infectadas, 71 máis que onte. Os novos contaxios foron 229.
Os ingresados nos tres hospitais da área sanitaria son 59, seis menos que este xoves, dos cales catro se atopan na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.
A maiores, atendidos en planta hai outras 55 persoas. Hai 51 en Montecelo e catro no Hospital do Salnés. Non hai pacientes con covid-19, pola súa banda, no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto dos que contraeron o virus, outras 2.035 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.
Desde o inicio da pandemia 56.063 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 158 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 260 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 401.902, 334 nas últimas horas. A elas súmanse as 233.277 probas de antíxenos e outras 124.887 probas de detección da covid-19.
INCIDENCIA EN GALICIA
O número de casos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 17.107, 174 máis que o día anterior. Deles, 3.270 son da área da Coruña, 2.125 da de Lugo, 2.189 da de Ourense, 2.094 da de Pontevedra, 3.301 da de Vigo, 3.093 da de Santiago e 952 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 30 están en UCI, 387 en unidades de hospitalización e 16.690 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 484.768 persoas curadas, rexistrándose 3.121 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.711.383 probas PCR, 3.082 nas últimas 24 horas. Os novos casos abertos desde onte, que inclúen os autodiagnósticos con antíxenos, foron 1.935.