Aumenta a presión nos hospitais da área sanitaria, que xa teñen 68 pacientes con covid-19

Pontevedra
11 de xaneiro 2022

Na última xornada confirmáronse 648 novos positivos que, a pesar das 387 altas epidemiolóxicas rexistradas, elevan o número de casos activos por encima dos 8.000. En concreto, hai 8.190 casos activos, 261 máis que o día anterior, dos que 8.122 casos están no seu domicilio sen síntomas ou con síntomas leves

Punto de realización de probas PCR
Punto de realización de probas PCR / Mónica Patxot

A sexta onda da covid-19 aumenta a presión sobre os hospitais pontevedreses, que este martes suman un total de 68 pacientes coa enfermidade, seis máis nunha soa xornada, 14 máis desde o domingo. 

Segundo o último balance oficial, con datos da seis da tarde do luns, hai nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés 7 pacientes con covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, os mesmos que o luns, e 61 pacientes ingresados en planta de hospitalización, seis máis que o día anterior. 

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra segue sendo o hospital con máis presión, con sete pacientes en UCI e 45 en planta. Ademais, hai en planta 7 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e 9 no Hospital  do Salnés. 

A última xornada tamén deixou un incremento do casos activos que confirma que a pandemia segue sen control. Confirmáronse 648 novos positivos que, a pesar das 387 altas epidemiolóxicas rexistradas, elevan o número de casos activos por encima dos 8.000. 

En concreto, hai 8.190 casos activos, 261 máis que o día anterior, dos que 8.122 casos están no seu domicilio sen síntomas ou con síntomas leves. 

Desde o inicio da pandemia curáronse 26.682 pacientes e faleceron 235 na área sanitaria.

Na última xornada chama a atención o reducido número de probas PCR’ s, realizadas, tan só 265 nas últimas 24 horas, que elevan a 373.740 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia. Ademais, realizáronse 1.492 test de  antíxenos, que elevan a 194.254 o total dos xa realizados.