Aumenta a incerteza para o persoal de Elnosa sobre o seu futuro

Pontevedra
29 de maio 2018
Actualizado: 14:41

O grupo portugués CUF, propietario de Elnosa, pasa a denominarse Bondalti e o seu presidente, Joao de Mello, alerta dun novo expediente de regulación de emprego e do fin da actividade produtiva da electroquímica en Lourizán. Os representantes do comité de empresa descoñecían este cambio de parecer

Representantes do comité de empresa de Elnosa e José Luis García Pedrosa, de CC.OO.
Representantes do comité de empresa de Elnosa e José Luis García Pedrosa, de CC.OO. / PontevedraViva

"Non me gustan nin as formas nin o fondo", así se expresa Avelino García, tras coñecer a través dos medios de comunicación, que os propietarios de Elnosa alertan do fin da actividade produtiva da factoría en Lourizán.

O presidente do comité de empresa sinala que ninguén da entidade lusa, dona da electroquímica, contactou cos representantes dos traballadores para comunciarlles a decisión. Nin sequera chegaron a alertalos de que a CUF, Companhía Uniao Fabril, pasa a denominarse Bondalti e se quedaron sorprendidos polas declaración do seu presidente Joao de Mello anunciando, nunha entrevista a Faro de Vigo, que o obxectivo de manter Elnosa non foi posible.

Mello anuncia tamén un novo expediente de regulación de emprego e a posibilidade de trasladar a parte do persoal á factoría de Torrelavega, en Cantabria. "Oficialmente non temos nada", indicou o representante dos traballadores en relación a esa opción dun traslado laboral.

Avelino García pedía "respeto" aos dirixentes de Bondalti e o comité de empresa solicitaba unha xuntanza urxente coa dirección para que lles expliquen os detalles deste cambio de posición. José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras, afirmaba que a empresa comprometérase a manter o proxecto de Lourizán mentres a Dirección Xeral de Costas non se pronunciara sobre a prórroga da permanencia en Lourizán, unha decisión que ten que abordar o Ministerio de Medio Ambiente antes de finais do vindeiro mes de xullo.

Pedrosa anunciou que "nesta trampa non vamos picar" e asegurou que non xustificarán o novo ERE se a empresa pretende negociar un despedimento colectivo a través desta fórmula.

Actualmente nas instalacións de Lourizán traballan 46 empregados. No ERE negociado anteriormente foron despedidos 15 traballadores nunha primeira fase e en agosto outros 16 perderán o emprego. Tras esta operación quedarían arredor de 28 traballadores na factoría onde se produce unicamente hipoclorito de sodio e se desmantela a maquinaria do proceso de elaboración de cloro a través de mercurio.

A empresa ten previsto que en Pontevedra quede un pequeno grupo de traballadores dedicados a tarefas de comercialización.

A empresa, a través do seu delegado en Pontevedra, desmentiu a últimas horas desta mañá ante o presidente do comité de empresa que Bondalti teña previsto pechar a actividade produtiva en Lourizán polo momento.

Arquivado en