Aumenta a 2 euros por neno e menú as axudas do Concello de Poio para os comedores escolares

Poio
19 de marzo 2025
Actualizado: 16:54

Neste momento hai preto de 200 nenos inscritos nos comedores, aínda que esta cifra é variable ao longo do curso dependendo das necesidades familiares en cada momento

Comedor escolar
Comedor escolar / Mónica Patxot

O Concello de Poio anunciou o aumento a 2 euros por neno e menú as axudas que outorga para financiar os comedores escolares do municipio.

Así o trasladou o alcalde, Angel Moldes, ás representantes das Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (ANPAs) nunha reunión previa á comisión de Economía e Facenda, que se realizou esta mañá, e na que tamén se deu conta desta modificación no convenio.

Segundo este convenio, ata o de agora as familias recibían unha axuda de 1,50 euros por comida e alumno, unha cantidade que aumenta en 0,50 euros máis e que permite reducir de xeito importante as tarifas que pagan por facer uso deste servizo de conciliación que funciona nos colexios de Chancelas, Lourido e Isidora Riestra.

Neste momento hai preto de 200 nenos inscritos nos comedores, aínda que esta cifra é variable ao longo do curso dependendo das necesidades familiares en cada momento.

Unha vez aprobado este aumento, esta nova axuda será efectiva a partir de abril, seguindo os trámites administrativos correspondentes.

O pago, como ata o de agora, farase directamente ás Anpas, que a repercuten no prezo que cobran a cada familia polo uso deste servizo, ben sexa a través de días soltos ou de xeito continuado.

Reunión das representantes das ANPAS co alcalde
Reunión das representantes das ANPAS co alcalde    Concello de Poio

Moldes subliña que os comedores escolares "son un servizo de conciliación fundamental para as familias do noso concello, e por iso desde o Goberno entendíamos que era necesario ampliar estas axudas".

O alcalde puxo en valor que ademais destas axudas, tamén contan con outro tipo de iniciativas para mellorar a vida das familias, como por exemplo, os programas concilia, bonificacións no IBI para familias numerosas, a nova unidade de atención temperá con terapias totalmente gratuítas para as familias con nenos menores de 6 anos, novas zonas de ocio, lúdicas e deportivas, entre outras.

Por último, o alcalde recordou que para o goberno local "as familias son unha prioridade, estamos empeñados en facer de Poio un concello cómodo para vivir, con máis oportunidades e con mellores servizos".