A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 10 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da mellora do bombeo de Cocheras, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7 millóns de euros.
Trátase de avanzar no saneamento da ría de Pontevedra e impulsar as actuacións necesarias para a mellora da eficiencia e rendemento do sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres, paliando as infiltracións de augas pluviais e procedentes do mar, e para evitar vertidos no fondo da ría.
Mediante este contrato, ao que se destina un investimento de case 125.000 euros, definiranse un conxunto de infraestruturas hidráulicas na rede municipal para transportar desde Cocheras 1.600 litros/segundo cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 litros/segundo actuais.
A redacción do proxecto construtivo, cuxo prazo de execución é de 6 meses, definirá novas conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría, estancas, para evitar infiltracións, así como unha estrutura de desbaste para xestionar os sólidos grosos e que a auga residual que vai á depuradora chegue xa pretratada.
O obxectivo do departamento que dirixe Ethel Vázquez é iniciar este ano a redacción do proxecto construtivo e licitar as obras en 2022, cuxo investimento será achegado desde a Xunta, empregando tamén fondos Feder 2014/2020.